domingo, 11 de febrero de 2018

Debate: 5ª Reflexión


A última sesión con Luz e Ana gustoume moitísimo. Poder estar todos xuntos de novo na última clase do mestrado coas dúas docentes que máis nos aportaron foi xenial. Ademais, os temas que nos propuxeron Luz e Ana para debater foron moi interesantes, xa que hoxe en día hai un gran dilema con estes temas: usar ou non a lingua materna nas clases de linguas estranxeiras, mandar ou non deberes para casa e utilizar as novas tecnoloxías na aula.


Como non podía ser doutra maneira, comezamos a clase cun warm up. A actividade de facerse pasar por un marciano pareceume moi graciosa e unha boa maneira de practicar a produción oral. Ademais, ao ser unha actividade divertida, creo que os alumnos/as a farían con máis ganas que se fose, por exemplo, falar de eles mesmos, da súa vida, etc. Así mesmo, serve para realizar con calquera grupo porque é bastante sinxela e non teñen que seguir ningunha pauta, simplemente falar ou intentar explicar cousas da maneira que máis fácil lles resulte.

A seguinte actividade por grupos foi pensar nas calidades que tiña o/a mellor docente que tivemos na nosa etapa educativa. A nós como grupo pareceunos súper importante a cercanía do docente cos seus alumnos/as e ao mesmo tempo que sexa esixente, que dea confianza para que os estudantes participen na clase e que teña paixón polo seu traballo. Cada grupo dixo unha calidade e todas me pareceron moi importantes, pero as que creo que son imprescindibles para un docente son que sexa xusto e que aparte de ter moitos coñecementos na materia que os saiba transmitir aos seus alumnos/as.

O primeiro debate que levamos a cabo por grupos foi o de usar a lingua materna na aula. Cando comezamos a debater, eu opinei que para francés en 1º da ESO como en principio ninguén deu anteriormente a materia e non saberían practicamente nada, si que usaría a lingua materna. Sen embargo, despois de escoitar as opinións das miñas compañeiras cambiei de opinión. Elas argumentaron que o francés é unha lingua moi parecida á nosa, polo que hai aspectos bastantes semellantes e non dificulta tanto o entendemento, e ademais que nos podemos apoiar tamén en imaxes, xestos, etc. para que haxa unha mellor comprensión.

Nos debates dos outros temas non cambiei a miña opinión persoal e todas opinabamos practicamente o mesmo. Con respecto aos deberes, eu estou de acordo en que haxa deberes para casa porque así é como poden practicar o que se estivo dando na clase. A maioría dos alumnos/as non van a practicar na súa casa inglés/francés voluntariamente, polo tanto eu creo que é necesario poñer algo de deberes. Ademais, a aprendizaxe das linguas estranxeiras ten que ser algo constante e continuo e, coas poucas horas que hai no currículo para as linguas, sen deberes sería imposible ter unha boa aprendizaxe. Iso si, poñer deberes con cabeza, e non 5 páxinas completas como fan algúns docentes, porque é verdade que os estudantes teñen moitas máis materias que a nosa nas que tamén lles porán deberes.


Por último, falando do uso das novas tecnoloxías na aula, penso que está ben utilizalas, pero como docentes hai que facer un bo uso delas. De nada sirve ter unha pizarra interactiva se se van seguir facendo os mesmo exercicios que co taboleiro normal. O mesmo ocorre coas tabletas e os ordenadores que substitúen os libros de texto, xa que moitos fan o mesmo que co libro, sen innovar nin facer actividades diferentes que antes sen a tecnoloxía non eran posibles. Ademais, hai que ter especial coidado, porque ás veces pode resultar perigoso que os estudantes utilicen o móbil, o ordenador ou a tableta sen a supervisión do docente.


En conclusión, tanto esta como as sesións anteriores con Luz e Ana gustáronme e aportáronme moitísimo, ensináronnos multitude de actividades para cada destreza, déronnos numerosos consellos e, sobre todo, a min persoalmente transmitíronme moitísimas ganas de ser docente. Polo tanto, por un lado estou moi agradecida de poder telas como docentes e, por outro lado, dáme pena non poder haber desfrutado delas moito máis tempo. Espero que nun futuro poida ser polo menos a metade de boa profesora que son elas. Grazas ás dúas.


2 comentarios:

  1. Merci beaucoup a ti polos teus comentarios tan amables. Como cada ano, é un pracer dar clases a un grupo de xente que amosa interese e que quere poñer todo o que poda da súa parte para chegar a ser unha boa profesional da docencia. Moita sorte e non dubides en poñerte en contacto si precisas algo.

    ResponderEliminar
  2. Recordas que toda actividade ten que ter un propósito? pois un dos propósitos desta sesión era que reflexionárades de xeito que a vosa idea inicial sobre algúns dos temas, ó escoitar outras opinións, poidera cambiar, ou non. Obxectivo conseguido!
    Moitísimas gracias polos teus comentarios.É realmente moi gratificante atopar xente con tantas ganas de facer as cousas ben. Moita sorte e ata sempre.

    ResponderEliminar