sábado, 3 de febrero de 2018

Ana: 2ª reflexión

A segunda sesión con Ana sobre a comprensión escrita pareceume moi interesante e dinámica, xa que, como nas sesión anteriores con ela e con Luz, realizamos moitísimas actividades novas para nós. A verdade é que pensar na comprensión escrita nunha lingua estranxeira normalmente é bastante aburrido para os alumnos/as, xa que sempre soe ser da mesma maneira: ler un texto sobre algo que non lles interesa practicamente nada e contestar ás preguntas. Sen embargo, nesta sesión con Ana puidemos ver que hai moitas e diferentes maneiras de practicar a comprensión escrita sen ser nada aburrido.


Gustáronme moito os dous warm up que realizamos para comezar a clase, porque son actividades moi sinxelas que se poden adaptar a calquera curso e serven tamén para sacarlle un sorriso e comezar as clases alegres e un pouco máis relaxados. Ademais, é moi útil para realizar como Bell work, así mentres os estudantes están concentrados facendo ese tipo de actividades, ti como profesor podes organizarte e preparar os materiais para despois. Creo que este tipo de actividades, aínda que parezan unha parvada, en realidade son moi importantes porque fan que os alumnos/as empecen a sesión contentos e con bo pe, algo que penso que inflúe bastante na participación despois ao longo da clase. Con respecto á actividade The three minute test, estou moi de acordo en que os estudantes teñen un malo costume en realizar os exercicios e actividades sen lelo primeiro todo. De feito, eu mesma cando era alumna cometía ese tipo de erros, polo que hai que intentar corrixirlle ese hábito dalgunha forma e mostrarlles o importante que é ler todo ben antes de comezar porque, ás veces, soamente por culpa diso faise mal unha actividade e é unha mágoa.

Outra actividade que me gustou moito foi o texto coas palabras inventadas e ter que sacarlle igualmente o sentido. Penso que é unha boa actividade para ensinarlles aos alumnos/as que non hai que comprendelo todo nun texto e sobre todo que non se deben bloquear cando non saben o significado dalgunha palabra. Pero para iso, nós como docentes temos que ensinarlle estratexias para que sexan capaces de contestar a preguntas sen sabelo practicamente todo. Sen embargo, cando eu era alumna e penso que aínda hoxe en día, non hai moitos profesores que axuden aos seus alumnos/as a adquirir este tipo de estratexias, simplemente lles piden que lean o texto e contesten ás preguntas sen máis nada.

Por outro lado, algo que me encantou e que copiarei a idea sen dúbida foi a pizarra que nos ensinou Ana para a adquisición de vocabulario. É algo moi sinxelo de facer, reutilizable e que aos alumnos/as seguro que lles motiva máis escribir aí que na súa propia libreta. Ademais, penso que pode ter moitas máis utilidades que soamente para traballar co vocabulario. Outros xogos que me pareceron xeniais para levar a cabo na clase e practicar vocabulario son o Tabú e o de Little Envelopes. Creo que están moi ben porque aos alumnos/as encántanlle facer este tipo de cousas na clase que se saen do común e, ademais, inconscientemente están adquirindo vocabulario e non lles está costando tanto como cando teñen que “chapar”.

Con respecto ás actividades para realizar coas imaxes das princesas Disney ou coa historia Blue for a boy, pink for a girl, penso que é moi importante traballar este tipo de temas independentemente de que sexamos profesores de linguas estranxeiras. Ademais, este tipo de actividades poderíanse facer con todos os cursos adaptándose un pouco. Por exemplo, co alumnado de bacharelato que ten máis nivel poderíase realizar un debate oral ou mandarlle facer unha redacción coa súa opinión sobre ese tema en concreto, e para os de menos nivel poderíaselles pedir que describiran as fotos das princesas Disney ou dar razóns de porque ou porque non o azul é para nenos e o rosa para nenas.


Por último, vou falar un pouco sobre os exames e a reválida. En primeiro lugar, gustoume que Ana nos ensinara algún exame que fai ela para os seus alumnos/as e que nos trouxera tamén os exames da reválida porque nunca os vira e non sabía exactamente como eran. Se xa non estaba moi de acordo coa reválida co feito de implantala sen cambiar nada do sistema educativo, agora que vin o exame, menos. Algunhas das cousas que máis me chamaron a atención como comentamos xa na sesión con Ana foron a cantidade enorme de estrago de papel, as actividades de listening sen ningún prelistening, a maneira máis pesada que esixen para corrixir o writing e, sobre todo, o pouco que pagan por corrixir os exames. Quedeime alucinando cando Ana nos dixo a cantidade exacta, porque non pensaba para nada que puideran pagar tan pouco a verdade.

En resumo, penso que foi unha sesión moi boa e moi produtiva onde Ana nos ensinou, outra vez máis, moitas actividades para ir metendo na nosa mochila como docentes. Alégrome moitísimo de poder ter a Ana e a Luz como profesoras porque é con elas onde estamos aprendendo moitas cousas de verdade que nos serán súper útiles para o noso futuro. 

1 comentario:

  1. Pasóuseme o comentario, Ruth, pero sí tiña lida a entrada, de feito confésoche que na nota que che puxen teño anotado: Moi ben reflexionado. Gustáronlle moito as "pizarras". Sorry.

    ResponderEliminar