Mostrando entradas con la etiqueta Eduardo Varela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eduardo Varela. Mostrar todas las entradas

jueves, 7 de diciembre de 2017

Tema 3. Aprendizaxe por proxectos co libro de texto como punto de partida

A ensinanza de linguas estranxeiras nas escolas está comezando a cambiar a súa metodoloxía. O que coñecemos como clases maxistrais, onde o docente é o centro da experiencia educativa e da materia mentres que o alumnado simplemente escoita e aprende do que di o profesor, está dando paso ao método de aprendizaxe por proxectos. Este tipo de aprendizaxe é unha metodoloxía de adquisición de coñecemento e competencias mediante a elaboración de proxectos que dan resposta aos problemas ou retos da vida cotiá e converte aos alumnos e alumnas en protagonistas da súa propia aprendizaxe. Así pois, o que se pretende con esta metodoloxía é dotar ao alumnado de toda unha serie de estratexias e ferramentas para resolver problemas. Ademais, considerase que ese tipo de aprendizaxe é o que realmente lles fará competentes, xa que é máis práctico, motivador e interactivo que memorizar leccións ou informacións, desenvolve a súa autonomía, fomenta o seu espírito autocrítico, promove a creatividade...

A idea que escollín ten como punto de partida o libro de texto Tous ensemble! para 2º da ESO cun nivel A1-A2. A unidade do libro coa que se vai traballar está relacionada cos alimentos e expresar os gustos. No libro, na parte de léxico, hai uns debuxos con moito vocabulario sobre alimentos e as únicas actividades que hai son un exercicio de por os produtos indicados na súa caixa correspondente segundo a tenda onde se compran, e outro de atopar e rodear os alimentos nunha especie de serpente con moitas letras; na parte de gramática desenvólvense actividades sobre os artigos partitivos para usar coa comida e os verbo manger e acheter. Eu o que faría sería organizar un pícnic real entre todo o alumnado da clase, onde por grupos na clase deberán falar sobre os seus gustos e o que comen a miúdo. A raíz de aí, deberán elixir os alimentos que queren comprar para levar ao pícnic.

Nunha WebQuest, proporáselle unha actividade real ao alumnado: facer un pícnic real. Para iso, primeiro terán que facer grupos de 4, xa que son un total de 12 estudantes. Cando estean os grupos feitos, cada alumno individualmente expresará en francés ao resto do grupo os alimentos que lle gustan e os que non e o que comen habitualmente coas frases fixas anteriormente vistas. Un de cada grupo deberá ir apuntando as frases que se din sobre os gustos para despois entre todos poñerse de acordo sobre os alimentos que queren levar ao pícnic (María aime le chocolat, Pablo n’aime pas les légumes...) Despois, proporcionaráselle un folleto en liña dun supermercado e deberán facer unha lista da compra cos alimentos que elixiron en clase poñéndose de acordo co que van querer comprar e o que non. Cando cheguen a un acordo, deberán formar frases cos produtos que van comprar engadindo obrigatoriamente o verbo acheter e os partitivos (Nous achetons du fromage, nous achetons des biscuits...) e terán que engadir o prezo de cada produto. Ao final, cada grupo deberá expoñer en francés ao resto da clase o que lle gusta a cada un, a lista da compra que elixiron e o prezo final de todo. Cando acaben todos de expoñer a súa comprar, entre todos elixirán a que máis lle guste a todos con posibilidade dalgún cambio. Este proxecto terá unha duración de 3 sesións.
A avaliación farase mediante unha rúbrica. Nesta teranse en conta o contido, o uso de partitivos, a preparación do traballo e a expresión oral, e cualificarase cada un deses apartados do 1 ao 5. Será unha nota conxunta para todo o grupo excepto a expresión oral que se avaliará individualmente. Con respecto ao contido, a información deberá estar ben relacionada e ben organizada (mencionar os gustos de cada estudante sobre os alimentos, os produtos que se van comprar finalmente e os prezos destes). A formación dos partitivos deberá facerse sen case erros mostrando haber entendido o proceso. Con respecto á preparación, o traballo feito deberá mostrar que se fixo con interese e esforzo tendo coherencia interna e claridade. Por último, na expresión oral valorarase a utilización do vocabulario, a gramática e a facilidade e a claridade coa que se expresan.

En conclusión, con esta actividade baseada na metodoloxía por proxectos, o alumnado adquire competencias tanto xerais como comunicativas, xa que desenvolven habilidades e competencias como a colaboración, comunicación, toma de decisións... ademais de algo moi importante nas linguas estranxeiras: a comunicación oral e escrita. Con esta actividade, as competencias que máis se pretenden desenvolver son as lingüísticas e comunicativas, xa que grazas a elas o alumnado ten a habilidade de utilizar a linguaxe, expresando e interpretando conceptos e opinións por medio de discursos orais e escritos, así como interactuar lingüisticamente en tódolos contextos e espazos sociais.

Referencias:

Gauthier, J., Parodi, L. e Vallacco, M., Tous ensemble! 2: Livre de l'élève. Vicens Vives.

Tema 2. Os problemas coa ensinanza de idiomas: a situación a nivel nacional

Hoxe en día, no contexto nacional, pódense apreciar unha serie de problemas que fan que a aprendizaxe das linguas estranxeiras en España non teña éxito. Como se pode ver nas probas internacionais da Unión Europea, España segue sendo un dos países con mais baixo nivel, a pesar das medidas propostas polas lexislacións para resolver este problema. Sempre foi un país no que a aprendizaxe de idiomas estranxeiros sufriu un déficit de coñecemento, pese a que o contexto da aprendizaxe de linguas estranxeiras cambiara nos últimos anos grazas ao fenómeno da globalización. Este fenómeno creou novos contextos sociais, culturais e económicos nos que os coñecementos de idiomas cobraron unha importancia significativa e obrigou a reconsiderar o papel da aprendizaxe de linguas. Sen embargo, no contexto nacional aínda existen unha serie de problemas e limitacións que repercuten no escaso éxito da aprendizaxe de idiomas, como pode ser o tipo de metodoloxía que se imparte na aula, as escasas horas que se lle dedica a ese idioma, a pouca mobilización do alumnado ao estranxeiro para unha inmersión lingüística...

Na miña opinión, con respecto aos numerosos e importantes problemas que segue habendo hoxe en día para a aprendizaxe de linguas estranxeira no contexto nacional, penso que un dos máis importante e inxustos é a desfavorecida situación familiar do alumnado e os desequilibrios económicos e sociais que poden ter. O marco sociocultural e as circunstancias familiares que envolve ao alumnado exerce un papel moi importante na vida académica dos estudantes, tanto directa como indirectamente e, polo tanto, afecta tamén ao estudo e a adquisición das linguas estranxeiras.

Moitos casos de fracaso escolar teñen a súa principal orixe, ou un alto nivel de influencia, en variables de exclusión social vinculados a situacións familiares, socioeconómicas e/ou culturais desfavorables, problema que afecta bastante a aprendizaxe de linguas. Este tipo de alumnado ten falta de motivación, baixo nivel nas técnicas instrumentais, carencia de hábitos de traballo individual, pouca atención... Outro aspecto negativo é que, algúns estudantes, ao pertencer a unha clase social demasiado baixa, chegan a escola ou ao instituto cun nivel de competencia lingüística tan pobre que non satisfán as demandas escolares que se establecen en cada nivel de ensinanza. Estas deficiencias, ás veces, son tan profundas que ocasionan un nivel na lingua materna tan baixo que fai que sexan incapaces de expresarse correctamente, polo que afecta moitísimo á hora de aprender unha nova lingua. Ademais, outro aspecto negativo de vivir en situacións desfavorecidas é a falta de contacto cos nativos da lingua estranxeira que se está estudando e, polo tanto, coas situacións comunicativas reais nese idioma. Polo tanto, os intercambios de alumnos e estancias cortas nun país estranxeiro para fortalecer a aprendizaxe dun idioma son moi importantes e necesarias, pero, por desgraza, este tipo de alumnado que vive en ambiente socioeconómicos baixos normalmente non pode gozar desas experiencias enriquecedoras, xa que non teñen unha posibilidade económica suficiente. Así mesmo, o alumnado que vive en situacións de pobreza tampouco ten recursos como pode ser un ordenador, algo tan común hoxe en día na sociedade. Ademais, nestes momentos, este aparello é practicamente necesario nas aulas e na casa debido aos novos métodos activos que se están impartindo, sobre todo nas clases de linguas estranxeiras, onde as TICs axúdannos a comunicarnos co mundo. Polo tanto, este tipo de situacións no alumnado afecta moito á hora de impartir unha clase e, como docente, hai que estar especialmente atento ás posibles dificultades ou necesidades do alumnado.

Sen embargo, para estes problemas hai tamén varias solucións posibles. En primeiro lugar, no caso de alumnos que pertenzan a unha clase social demasiado baixa con pouca competencia lingüística, deberase ter en conta a atención a diversidade. Con respecto á falta de recursos materias, na clase deberanse realizar actividades que podan ser feitas por ese tipo de alumnado sen precisar materiais específicos, ou o centro podería tamén aportarlle ese tipo de material ou darlle algunha axuda. Ademais, con respecto ás mobilidades, os estudantes que viven en situacións socioeconómicas desfavorecidas deberían ter bolsas para poder ir ao estranxeiro e facer unha inmersión lingüística ou, para estar en contacto con nativos, no centro poderían solicitar auxiliares de conversa para relacionarse co acento.

En conclusión, os problemas que existen para a aprendizaxe de linguas estranxeiras no contexto nacional deben ir diminuíndo coas propostas de hoxe en día. O MCERL, no contexto internacional, e o Goberno e a Xunta, no nacional, deben por máis facilidades para as persoas con situacións desfavorables para que, independentemente de que teñan dificultades socioeconómicas, non repercuta na súa aprendizaxe de linguas estranxeiras e teñan as mesmas oportunidades que o resto de estudantes.



Referencias:

Educación Secundaria Obligatoria (ESO). Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Disponible en: https://www.mecd.gob.es/educacion-mecd/areas-educacion/estudiantes/educacion-secundaria.html

Ley Orgánica 8/2013, do 9 de diciembre, para la mejora de la calidad educativa (LOMCE). Boletín Oficial del Estado. Madrid, 10 de diciembre de 2013. Disponible en: https://www.boe.es/buscar/pdf/2013/BOE-A-2013-12886-consolidado.pdf

Tema 1. O Marco Común Europeo de Referencia para as linguas

O Marco común europeo de referencia de linguas (MCERL) é un texto que responde a una serie de propósitos políticos, económicos e sociais da Unidade Europea, aínda por completar e perfeccionar dende o ano da súa publicación. O seu obxectivo é a converxencia dos sistemas educativos nacionais nun modelo común en tipos de formación, centro, títulos, métodos e programas. Os puntos fundamentais son capacitar aos europeos para os desafíos dunha mobilidade internacional e unha cooperación máis fortes; favorecer o entendemento, a tolerancia e o respecto; manter e desenvolver a riqueza e a diversidade da cultura europea mediante un mellor coñecemento das linguas; e satisfacer as necesidades dunha Europa multilingüe e multicultural desenvolvendo a habilidade para comunicarse e superando as barreiras lingüísticas e culturais.

O aspecto máis importante que se debe ter en conta á hora de estudar unha lingua estranxeira é o lingüístico e comunicativo, xa que o desenvolvemento da competencia comunicativa representa o obxectivo a alcanzar no proceso de ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Así mesmo, para chegar a esta competencia, é preciso desenvolver un conxunto de subcompetencias (lingüística, pragmática, sociolingüística, discursiva e estratéxica) e competencias xerais da persoa (saber, saber facer, saber ser e saber estar) que comprenden, á súa vez, coñecementos, destrezas e habilidades que o estudante deberá adquirir para producir ou comprender discursos adecuados á situación ou ó contexto comunicativo. Ademais, unha lingua estudase co fin de falala na vida real, xa que é un instrumento que facilita a comunicación entre as persoas, polo tanto, cando se ten a competencia comunicativa, o alumnado ten a capacidade de comunicarse e de saber interpretar a linguaxe. Outro aspecto positivo de posuír a competencia comunicativa nun idioma estranxeiro é que a persoa que a adquire coñece tamén as regras culturais e sociais do lugar ou lugares onde se fala esa lingua e é capaz de compartir experiencias, intercambiar ideas, actuar de maneira adecuada nunha situación comunicativa, saber que dicir e como no momento e lugar adecuado, a quen, por que e para que perfectamente. Por ultimo, no desenvolvemento da competencia comunicativa interactúan diversos tipos de factores tales como os persoais, interpersoais, sociais e culturais, polo que non se trata de opoñer linguas, senón de sumalas segundo o tipo de actividade e o contexto de cada ocasión específica, dando lugar a unha perspectiva plurilingüe onde o alumnado desenvolva unha interculturalidade.

Para por en práctica o aspecto comunicativo na clase de idiomas de secundaria, penso que un bo coñecemento da estrutura lingüística e do vocabulario dunha lingua estranxeira é unha condición necesaria, pero non suficiente para a consecución dunha competencia lingüística plena. Non se trata de ensinar o temario dunha lingua estranxeira, senón de traballar nun contexto plurilingüe e de competencias, xa que cando se pretende aprender unha lingua, débense levar a cabo actividades comunicativas (escoitar noticias, escribir unha carta, falar entre compañeiros...), para cumprir funcións (dar e obter información, expresar gustos ou saúdos...), en determinadas situacións socioculturais, cos recursos lingüísticos (gramaticais, léxicos, discursivos, fonéticos...) adecuados á situación de comunicación, activando os procesos, estratexias e actitudes que posibiliten a aprendizaxe e a comunicación. Polo tanto, a metodoloxía que se imparta na clase debe ser activa e participativa, desenvolvendo situacións maiormente reais. O enfoque por tarefas cumpre con esta condición cando se levan á aula tarefas de simulación ou negociación entre os alumnos. Ademais, débese buscar material auténtico en función do que se está facendo na clase, no soamente prescindir do libro de texto. Trátase, pois, de que o docente controle a actividade de maneira que o campo de acción e participación do alumnado sexa moi ampla e de que se impliquen de maneira creativa no exercicio.

En conclusión, no mundo no que vivimos, grazas a globalización, o noso alumnado debe aprender unha ou varias lingua para comunicarse. Polo tanto, o enfoque debe ser totalmente comunicativo, xa que aprender unha lingua non é saber soamente lela e escribila, senón que o noso alumnado debe ser capaz de utilizala como ferramenta de comunicación para o seu uso posterior. Ademais, á hora de aprender unha lingua estranxeira, débese incluír non só os aspectos específicos que marcan o coñecemento de cada lingua, senón todos os factores de tipo situacional, interactivo, contextual e cultural. Por último, adquirir competencias lingüísticas e comunicativas noutra linguas permite que o estudante desenvolva unha personalidade máis rica e complexa, mellorando a capacidade de aprendizaxe posterior doutras linguas e de apertura a novas experiencias culturais. Así, o alumno ou alumna convertese en plurilingüe e desenvolve unha interculturalidade.


Referencias:
Comisión Europea, Marco común de referencias para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación (2002). Centro Virtual Cervantes. Disponible en: http://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf

Objetivos educativos europeos y españoles: Estrategia de Educación y Formación 2020 (2013). Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Disponible en: http://www.mecd.gob.es/dctm/inee/indicadores%E2%80%90educativos/informeet20202013.pdf?documentId=0901e72b81732dc8