sábado, 3 de febrero de 2018

Luz: 3ª Actividade

Actividade: autobiografía dun obxecto

Materia: Segunda lingua estranxeira: francés
Curso: 4º ESO
Nivel: A2-B1
Unidade: la maison et les meubles
Tempo: 50 minutos

Estariamos ao final da unidade sobre as partes da casa, os mobles e os obxectos de cada habitación. Antes de mandarlle unha actividade de produción escrita relacionado co tema, faríamos un braisntorming para recordar o vocabulario xa visto anteriormente na clase.
En primeiro lugar, pediría que algún alumno/a saíra ao taboleiro para escribir as partes da casa en columnas (cuisine, salle à manger, chambre, salon, salle de bain). Despois, os demais alumnos/as en alto terían que ir dicindo que obxectos e mobles dos que xa vimos anteriormente hai en cada cuarto da casa (évier, canapé, lit, baignoire, coussin...).
Feita esta preactividade de repaso, pasariamos a realizar o xogo que se chama Tabú, onde as palabras que teñen que adiviñar están todas relacionadas con obxectos que hai na casa (cuillère, papier toilettes, brosse à dents, oreiller...). Os alumnos/as terían que saír por parellas aleatoriamente e un explicarlle ao outro o obxecto que lle tocou na tarxeta para que este o adiviñe (como é, para que serve, onde se atopa...). Todos terán que saír a facer a actividade.


Unha vez terminado o xogo, ensinaríalles na pantalla unha foto dun microondas cunha cara pintada como se estivese vivo. Primeiro faríalles algunha pregunta como: Algunha vez pensástedes que os obxectos (un moneco, un bolígrafo, unha testadora...) teñen vida como na película Toy Story? Se fose o caso, non vos gustaría coñecer a súa peculiar visión do mundo?, etc. Despois, a raíz da foto que lles puxen do microondas, pediríalles que me fosen dicindo posibles hipóteses inventadas sobre a vida dese obxecto (onde naceu, quen o comprou, se está feliz coa súa vida quentando comida...)

Por ultimo, sacaría unha bolsa na que teño dentro obxectos diferentes e cada alumno/a tería que sacar sen mirar un obxecto (un cepillo de dentes, un garfo, un lapis, unhas gafas, unha moneca, etc...) Con ese obxecto cada un tería que facer unha produción escrita na que eles mesmos terían que pórse na pel do obxecto e narrar a súa vida dándolle pe á creatividade e á orixinalidade (onde naceu, se o compraron nun supermercado, se o tratan ben, se morreu porque o tiraron á vasoira, se o teñen apartado nalgún recuncho da casa...). Mandaríalles comezar a redacción nos últimos minutos que quedan de clase e a terían que terminar na casa para entregarma o próximo día.

1 comentario:

  1. Fixeches a planificación dunha sesión completa!E moi ben planificada, con actividades variadas e ben explicadas. Paréceme unha idea estupenda a de personificar un obxecto. Tamén poderías partir dun clip de Toy Story, precisamente.

    ResponderEliminar