miércoles, 31 de enero de 2018

Luz: 3ª reflexión

A terceira sesión con Luz sobre a expresión escrita pareceume moi interesante e aportoume moito, xa que nos ensinou bastantes recursos para utilizar na aula. A verdade é que a produción escrita é moi importante para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira e nós, como docentes, debemos intentar lograr que teña sempre unha razón ou un propósito comunicativo. Digo isto porque, eu recordo que cando era alumna sempre me mandaban redaccións para facer na casa sobre o tema que houbese na unidade ou, como comentamos na clase, sobre a miña música preferida, a biografía do meu cantante preferido, etc. Eran temas que nos costaban moito escribir xa que eran aburridos e non os traballabamos previamente na clase, sempre de deberes para facer na casa unicamente. Por iso penso que esta sesión foi xenial, porque dinme de conta das moitas maneiras que se lles pode mandar facer unha redacción e que sexa moito máis divertida facela para eles, sen ser os temas de sempre cada ano. Ademais, como comprobamos onte, tamén é moito máis divertido para o docente que ten que corrixir moitas redaccións, xa que pode chegar a haber algunhas simpatiquísimas como as historias dos azucres que morrían disoltos.


Por outro lado, o warm up que fixemos ao principio da clase tamén me gustou moito. Penso que ademais se pode adaptar a tódolos cursos se lle poñemos máis ou menos dificultade e paréceme unha boa técnica para relaxar un pouco ao alumnado cando se senten agobiados por exames ou teñen moitos traballos, etc. Esta actividade nos cursos de menor nivel faríao como fixemos na clase de tres en tres, porque é máis fácil, e nos cursos de maior nivel, como bacharelato, faríao en grupos máis grandes ou todos xuntos para que así sexa algo máis difícil, tendo en conta que despois terían que escribir tamén unha historia sobre o que representaron.

Por outro lado, pareceume tamén unha boa idea realizar a principios de curso como avaliación inicial unha carta para saber o nivel co que parten, a relación ou interese que teñen co idioma... Sen embargo, creo que no meu caso, como futura docente de francés, é bastante máis difícil que de inglés porque, sobre todo nos primeiros anos, os alumnos/as non teñen practicamente nivel para escribir ben unha carta e o normal é que tampouco teñan moita relación co idioma nin gran interese por aprendelo. Aínda así, excepto en 1º da ESO, faría algún tipo de produción escrita como avaliación inicial adaptando o nivel a cada curso.

Outra actividade que me gustou moitísimo e nunca a fixera foi a poesía “Ode to...”. Penso que é algo súper fácil de facer con calquera curso e que ao final quedan uns poemas moi graciosos. Seguramente se lles pediramos que fixeran un poema eles sos sobre calquera cousa costaríalles moito máis e así, desta forma, é moito máis sinxelo e ao final quedan poemas moito máis divertidos. Ademais, os exemplos que nos ensinou Luz dalgúns alumnos/as seus encantáronme, porque moitas eran súper orixinais e tiñan ata a forma do obxecto ao que representaban. Se algún día son docente esta actividade fareina segurísimo e espero poder facela xa mesmo nas prácticas.

Tamén me gustou moito a actividade dos 5 sentidos de cerrar os ollos e ir escribindo o sitio onde te atopas, o que cheiras, o que tocas, o que comes... Nunca a fixera tampouco e creo que aos alumnos/as son actividades que lle gustarían moito porque saen do común. Eles están acostumados a ter que facer outro tipo de exercicios e actividades, polo que cando se lles fai algo parecido a isto póñenlle moito máis interese e entusiasmo e desfrútano moito máis. Así mesmo, unha vez que redacten o que foron pensando cos ollos cerrados seguramente terán curiosidade por ver o que pensaron os seus compañeiros, polo tanto iso xa é algo que lles motiva tamén a facelo ben.

Outra actividade que fixemos por parellas pero que si coñecía era a das fotos e contar o que pasou. Penso que é unha boa maneira para practicar primeiro produción oral e despois produción escrita. Ademais, saber que a foto ten unha historia de verdade detrás fai que os alumnos/as teñan curiosidade tamén por sabelo ou por ver se acertaron o non coa historia. Iso si, creo que non vale calquera foto, senón que hai que elixir ben as fotos, que sexan interesantes para eles e lles esperte un pouco de curiosidade por ver que pasa nela.

Tamén me gustou a idea de poñerlle vídeos como os shadow stories, vídeo clips, ou mesmo os do Gap year para que teñan que escribir sobre iso, xa que ademais están practicando comprensión oral real sen estar adaptada ao seu nivel. Con respecto a isto, estou moi de acordo con Luz de que o material ten que estar a libre disposición para todo o alumnado para que teñan a oportunidade de poder volver a velo as veces que queiran, sobre todo se teñen que facer unha produción escrita. Eu recordo que cando era alumna da ESO algunha vez tivemos que facer un resumo ou falar sobre un vídeo que nos puxeran na clase, pero que despois non tiñamos acceso a el. Polo tanto, era algo moi difícil para nós chegar a casa e estar a maior parte do tempo intentando recordar o máximo posible do vídeo, sendo moito mellor poder volver a velo na casa e así practicar a comprensión oral.

En resumo, a sesión foi moi produtiva e dinámica e, persoalmente, encántame que Luz nos ensine cada día multitude de actividades e consellos novos que nos veñen moi ben, sobre todo para os que non temos case experiencia docente e estabamos algo verdes no temas das actividades. 



1 comentario:

  1. Alégrome de que che resultase tan "apañada" esta sesión. A verdade é que eu disfruto moito lendo moitas das producións escritas dos meus alumnos, teño pasado bós ratos. Hai que traballalas ben pero penso que paga moito a pena, para nós e para eles.

    ResponderEliminar