jueves, 18 de enero de 2018

Luz: 1ª reflexión

A primeira sesión que tivemos con Luz gustoume moitísimo, xa que por fin coñecemos a unha docente que se nota que ten unha gran experiencia como profesora de instituto, e non docentes de universidade que pouco saben de adolescentes. Penso que deberíamos haber tido profesores de este tipo moito antes para que nos ensinasen cousas máis prácticas e reais e non tanta teoría. Claramente a teoría é tamén moi importante porque é a base de todo, pero desde Setembro até Decembro sen nada de práctica paréceme esaxerado. En realidade, o que todos queriamos era aprender a levar unha clase, a saber actuar en diferentes situacións cos alumnos/as, a saber facer actividades distintas dependendo do tipo que sexa... ademais sabendo que temos as prácticas á volta da esquina.

A verdade é que gustáronme e parecéronme moi interesantes practicamente todas as actividades que nos ensinou a docente. Algunhas xa as coñecía, aínda que na miña escasa experiencia docente non as levara a cabo, e outras foron novas para min. Este tipo de clases era o que votaba de menos neste mestrado, docentes cunha gran experiencia que nos dean consellos ou trucos, posibles recursos a utilizar, actividades para facer en momentos diferentes... A única pega que podo por é que case todos os recursos e actividades están en inglés, polo tanto, os que queremos ser docentes doutra lingua, no meu caso o francés, non temos case exemplos ou actividades que poidamos directamente levar a cabo nunha clase. Aínda así, agradezo que en cada documento das sesións nos envíen tamén algúns recursos para utilizar en francés.

Espero que nun futuro, ou xa mesmo nas prácticas, poida levar a cabo algunhas destas actividades. Por un lado teño moitísimas ganas de comezar, relacionarme co instituto e cos estudantes e realizar actividades con eles, pero por outro lado ao non ter case experiencia, e menos con 30 alumnos/as, teño algo de medo a enfrontarme e non ter éxito. Aínda que penso que estaremos todos moi agradecidos ás sesións que teñamos tanto con Luz e con Ana, xa que, polo que vin de momento, axudarannos a levar unha clase e ensinarannos bastantes recursos e consellos que utilizaremos seguramente nas nosas experiencias docentes.

A actividade de Bellwork que nos puxo a docente nada máis chegar á clase pareceume xenial xa que non oíra falar nunca das actividades Bellwork e agora doume conta que en realidade son importantísimas. Seguramente algúns profesores cando era alumna mandábannos facer este tipo de actividades como poñer sempre a data e eu nunca me din de conta que é unha táctica moi boa para manter aos alumnos/as calados e facendo algo. Se algún día son docente, teño por seguro que este tipo de actividade vouna facer sempre na miña clase, xa que é xenial para realizar nos primeiros minutos de clase mentres ti como docente te organizas. O exemplo da data gustoume porque é unha maneira de estar recordando continuamente na lingua estranxeira os meses, os días e, concretamente, a fórmula completa en francés que non é fácil para os alumnos/as: Aujourd’hui, c’est le + día + mes + año.

 A actividade Two truths and one lie será un recurso que utilizarei por seguro. Este xogo xa o coñecía, pero nunca o puxera en práctica na pouca experiencia profesional que teño nin ningún profesor, que eu recorde, a usou sendo eu alumna de instituto. A verdade é que paréceme unha actividade moi boa para romper o xeo e facer que os teus alumnos/as te coñezan un pouco máis. Ademais, penso que é bastante fácil e divertida de levar a cabo na que a maioría dos estudantes participaría seguramente, xa que, se hai algo que lles encanta e lles motiva, é saber sobre a vida dos seus docentes. Eu esta actividade utilizaríaa ao principio de curso ou cando empezas cun grupo de estudantes novo que non te coñece. Con respecto aos grupos, como a actividade sería na lingua estranxeira correspondente, se é un curso dun nivel baixo como 1º da ESO daríalle a opción de facer preguntas previamente por parellas, e se é un curso cun nivel máis alto como bacharelato penso que sería mellor que o fixeran individualmente como fixemos nós na clase.



Tamén me gustou moito falar das actividades que se poden facer antes, durante e despois de ver un vídeo ou escoitar un listening. Seguramente eu se non tivera esta sesión antes e tivese que poñerlle un vídeo ou unha escoita aos meus alumnos/as, faríao sen actividades pre-listening. Polo tanto, agora que xa sei un pouquiño máis non se me esquecerá pensar tamén en actividades previas á escoita.

En resumo, gustoume moito que a docente puxera exemplos de actividades para cada unha das competencias, porque a verdade penso que todos tiñamos problemas con iso, xa que ninguén nos ensinara anteriormente exemplos de actividades para traballar cada competencia, polo que estabamos bastante perdidos niso. Sabiamos a teoría, o que era cada competencia e para que servía, pero non sabiamos realizar actividades para traballar cada unha. Por iso, penso que non nos viría mal traballar un pouco máis con isto noutra sesión.

1 comentario:

  1. Moi boa reflexión, está moi ben que fagas referencia á túa experiencia, aínda que non moita como profesora si que tes experiencia dende o outro lado, como alumna. É moi importante o que dis: moitas veces como alumna non te das conta de toda a planificación que implica o que aparentemente é unha "chorradita", ten unha base teórica e un por que se fai. Como docentes, esas razóns teñen que estar sempre presentes, aínda que lóxicamente a medida que adquirimos experiencia hai cousas que xa van "en piloto automático"!

    ResponderEliminar