sábado, 13 de enero de 2018

Dosier: Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras

Esta entrada está dedicada á materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras.
En primeiro lugar, o docente fixo unha pequena presentación sobre a materia e explicounos o que era o Diagrama de Venn. Comentounos que hai diferentes variantes, pero o que máis se usaba era o dos círculos que se superpoñen.

A primeira actividade que fixemos en grupos de catro persoas consistiu en debuxar nun folio A3 un diagrama cos conceptos de lingua materna e lingua estranxeira, comentando en que se diferencian e en que coinciden tanto no ensino, como na vida diaria, no traballo, etc. Con respecto á lingua materna puxemos que era unha aprendizaxe natural e inconsciente, que o seu uso era cotiá, moi utilitario e cunha identidade propia. Na parte de lingua estranxeira puxemos que era unha aprendizaxe consciente e artificial, cun uso especifico e pouco utilitario (para os alumnos). Por último, en común para ambas escribimos que tiñan un uso comunicativo, que eran o reflexo dunha cultura, un complemento e serve para socializarse, comprender, aumentar a nosa riqueza e para o currículo. Gustoume bastante este exercicio xa que nunca o fixeramos e penso que vale para activar os coñecementos previos, activar vocabulario…e a partir do que se sabe ir concretando.
Despois, o docente a través das súas diapositivas explicounos os conceptos de lingua inicial, lingua segunda e lingua estranxeira. A lingua inicial é a primeira lingua que aprende unha crianza, a que se adquire antes da etapa escolar de maneira inconsciente sen ningunha intención concreta, e pódese denominar tamén lingua natal, primeira ou materna. A lingua segunda é a lingua adquirida na escola, no lar ou na rúa, como una lingua vehicular, como lingua administrativa ou de ensino. E por último, a lingua estranxeira adquírese so en contexto escolar, de xeito consciente e cunha intención clara, non é unha lingua vehicular.
A segunda actividade que realizamos foi un placemat. En grupos de catro tivemos que debuxar nun folio A3 catro cadros diferentes e un no medio. En cada grupo cada compañeiro tivo que escribir a súa resposta nun dos cadros das esquinas e no do medio o que puxemos en común. O docente fixo diferentes preguntas a cada grupo e a nós tocounos as seguintes:
-          Se Inditex ten 6913 tendas no continente, que lingua usa cos clientes? e, en que lingua se comunican as tendas coa central de Arteixo?
Cada unha de nós puxo o que pensaba no seu cadro e despois comentamos e debatemos en alto o porque das nosas respostas. Ao final, chegamos ao acordo de que a lingua que se usa cos clientes é a que se fala nese sitio en concreto (galego, español, catalán, inglés...) e que para comunicarse con Arteixo úsase o español e o inglés.

A terceira actividade consistiu tamén na realización dun placemat, no que tivemos que responder a unha pregunta do docente primeiro individualmente e despois a posta en común no cadro do medio. A pregunta que nos fixo o docente foi a seguinte:
-          Un grupo de Erasmus de 5 países europeos diferentes, saen de festa e teñen que decidir o local a onde van tomar a primeira copa, que lingua van usar para decidir?
No noso grupo houbo varias respostas: en inglés, en español e en spanglish. Ao final decidimos que sería spanglish, porque supoñemos que farían unha mestura de idiomas, aínda que tamén dependería dos países dos que viñeran cada estudante.
En xeral, estas dúas actividades gustáronme moito porque nunca fixera unha actividade deste tipo e pareceume unha boa idea para expoñer primeiro a túa opinión e despois chegar a un consenso entre o grupo. Ademais, as preguntas que fixo o docente foron de casos reais e moi interesantes.
Cando terminamos esta actividade, o docente explicounos a través das súas diapositivas o concepto de lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. A lingua habitual é a lingua usada na maioría de contextos comunicativos. A lingua de traballo constitúe o principal medio de comunicación nunha empresa multinacional, nun organismo multinacional ou mesmo nun estado plurilingüe. Por último, a lingua vehicular serve de medio de comunicación entre falantes de linguas diferentes.

Unha vez terminada a explicación, tivemos que clasificar o uso da lingua nas preguntas que nos fixo o docente nas actividades anteriores. En relación ás de Inditex, na primeira é lingua habitual e na segunda lingua de traballo, e na pregunta sobre os estudantes Erasmus é lingua vehicular.
Na seguinte sesión o docente comezou a clase explicando a diferenza entre comunidade lingüística e comunidade de lingua. A primeira trátase da comunidade de falantes que partillan un mesmo repertorio lingüístico de base (común); e a segunda trátase de falantes que partillan o coñecemento e o uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística.
Con respecto a iso, tivemos que facer unha actividade (placemat) por grupos onde cada un tivo que escribir o seu repertorio lingüístico nun cadro diferente e despois no medio poñer a posta en común. Tamén tivemos que ver se había comunidades lingüísticas ou comunidades de linguas e se todos partillabamos ese coñecemento. Unha vez feito, nun Google Docs que compartiu o docente para toda a clase tivemos que ir completando o apartado das diferentes linguas que había na aula, as variedades xeográficas e as variedades sociais (sexo, idade, profesión, clase social...) Despois, cada grupo tivo que completar no Google Docs a comunidade lingüística (repertorio: galego, castelán, inglés, francés, portugués) e a comunidade de lingua (galega, castelá, inglesa e francesa). Estivo ben esta actividade para comprender mellor o que era unha comunidade lingüística e unha comunidade de lingua, xa que ao principio non o entendiamos moi ben.


Despois, o docente falounos das diferentes didácticas: didáctica da lingua inicial, da lingua segunda e lingua estranxeira, metodoloxía AICLE, aprendizaxe precoz das linguas estranxeiras, linguas estranxeiras para fins específicos, YLE young, OLE old, CALL (computer: blended, flipped y full-online). Unha vez explicado, o docente compartiu con nós outro Google Docs no que tiñamos que completar nuns cadros a metodoloxía que se debe usar e se pode usar dependendo do contexto de aprendizaxe (Escola Oficial de Idiomas, UNED, Asociación de Mulleres Viuvas...). Esta actividade estivo ben para comprobar se entenderamos as diferentes metodoloxías, pero foi algo aburrida.
Logo, o docente explicounos as características dos alumnos para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Por grupos realizamos outro diagrama de Venn no que tiñamos que por as diferenzas e as coincidencias que hai entre ensinar a nenos e a adultos (+12 anos). Despois xuntámonos con outro grupo e tiñamos que ir dicindo o que puxemos cada un e poñernos de acordo. Por último, coa clase dividida en dous grupos, cada un tivo que ir explicando os puntos que se puxeron en cada círculo e finalmente as coincidencias. Esta actividade estivo ben para ver e comentar entre todos que aspectos positivos e negativos que ten traballar con nenos e con adultos, e se é moi diferente ou similar.


A seguinte actividade consistiu nun debate piramidal no que tiñamos que comentar que influencia ten a lingua 1 na aprendizaxe da lingua 2. Primeiro tivemos que falalo en parellas, despois en grupo de 4, logo en grupo de 8 e por último con toda a clase. O resultado no noso grupo foi os calcos gramaticais, fonolóxicos, léxicos e sintácticos (aspecto negativo) e, se son linguas próximas, unha maior comprensión (aspecto positivo). En definitiva, todos fixemos referencia á interferencia ou contacto e tipoloxía lingüística.
Por último, o docente falounos dos tipos de linguas (aglutinantes e analíticas), a familia lingüística, o concepto de interlingua, o concepto do erro, os elementos que son importantes na aprendizaxe de LE (recursos materiais, número de alumnos, inmersión lingüística, selección de persoal...) e os tipos de centros de ensino (público, concertado e privado).

En conclusión, estas dúas sesións parecéronme moi interesantes, xa que realizamos moitas actividades diferentes para nós e aprendemos bastantes conceptos novos. Con este tipo de metodoloxía que emprega o docente, as sesións son moito máis dinámicas, produtivas e, sobre todo, moi útiles para nós como futuros docentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario