martes, 23 de enero de 2018

Luz: 2ª reflexión

A segunda sesión con Luz encantoume, foi moi dinámica e pareceume súper útil, xa que nos ensinou moitísimas actividades diferentes para facer cos alumnos/as que ademais se poden reutilizar cantas veces queiramos. Estou contentísima de ter estas sesión con Luz e Ana porque a verdade é que estaba algo preocupada co tema de facer e organizar actividades, xa que ao non ter moita experiencia con alumnos/as estaba un pouco verde, por así dicilo. Outra cousa que me gustou foi que nós mesmos fixésemos o papel de alumnos/as e levaramos a cabo a maioría das actividades na aula para ver como funcionaban, porque non é o mesmo dicir soamente de que tratan que poñerse na pel e ver como se desenvolven na clase.

A primeira actividade que fixemos na clase como warm up tamén me pareceu moi interesante, xa que con simplemente dous papeis diferentes podemos facer que os rapaces/as estean entretidos sacándolle posibles diferenzas a ambos papeis. Ademais, esta actividade poderíase facer tamén con outros obxectos para non ser sempre os mesmos e así poder usar este tipo de warm up máis veces na clase.

O crucigrama que fixemos de Who is who? coas curiosidades de cada un de nós pareceume unha idea xenial para coñecernos un pouco máis entre todos. Ademais, tomando como punto de partida o crucigrama, poderíanse facer moitas outras actividades. Por exemplo, se queremos practicar o vocabulario dunha unidade, poderíase escribir a definición do termo e os alumnos/as ter que adiviñar a palabra (Fruit du pommier de forme plus ou moins arrondie, de couleur verte, jaune ou rouge selon la variété à pomme) ou se estamos na unidade das descricións de persoas, poderiamos escribir frases describindo a estudantes da clase (sempre sen faltar ao respecto) e eles/elas ter que adiviñar a quen corresponde cada unha das frases (Fille aux cheveux longs, raides et bruns, aux yeux bleus et dont le prénom commence par S à Sara). Penso que é un xogo que se pode reutilizar as veces que queiramos, aínda que isto non quere dicir que por cada tema teñan que facer un, porque senón aburriranse e non lles fará gracia completar o crucigrama aínda que sexa de temas diferentes. Algo parecido á actividade do crucigrama sería unha sopa de letras, onde tamén poderían buscar palabras a raíz das definicións que haxa escritas.


Por outro lado, parecéronme moi importantes os consellos que nos deu Luz sobre as tarefas complexas que ao final se converten en proxectos. Na miña opinión, os proxectos son algo bastante difícil para meternos nós coa pouca experiencia que temos na docencia, aínda que se teño a ocasión si que me gustaría participar e colaborar neles porque é algo do que seguramente aprenderemos moitas cousas. Ademais, supoño que desa forma é a mellor maneira de observar e aprender a saber como funcionan, como hai que planificalos, etc... para despois nun futuro poder levalos a cabo nós mesmos sen moita angustia nin posibles desastres.

Con respecto ás actividades de expresión/produción oral, gustoume moito falar do enfoque comunicativo. Penso que para a aprendizaxe das linguas estranxeiras é súper importante, por non dicir o máis importante, xa que o obxectivo de aprender unha lingua estranxeira é poder comunicarse con outra persoa nese idioma. Por desgraza, eu non tiven moita sorte cos profesores de idiomas, sobre todo en inglés, xa que ningún daba pe a falar en inglés nin facer actividades que necesitasen do enfoque comunicativo. Sempre faciamos o mesmo: ler o texto de cada unidade, contestar ás preguntas, facer os exercicios de vocabulario e gramática e por último corrixilos. De feito, case ningunha profesora no instituto nos falaba en inglés e, unha en concreto, escusábase dicindo que non tiña acento inglés para falalo. Parece unha broma, pero por desgraza non o é. Era moi raro facer algunha actividade na que tiveramos que falar no idioma estranxeiro e tampouco había exame oral, polo tanto, en realidade, non estabamos aprendendo unha lingua de verdade, xa que non sabiamos falar, soamente completar exercicios. Esta é unha das razóns polas que me esforzarei todo o posible por intentar facer actividades nas que os alumnos/as falen e se comuniquen sen vergoña, porque como comentamos na clase, da igual ter algúns erros ao falar, xa que ao final o importante é saber comunicarse axudándonos se podemos de xestos ou de imaxes.

Por outro lado, nunca escoitara falar do concepto MINIMAX, e creo que é moi importante e debemos telos en conta como futuros docentes. Estou moi de acordo cos principios de personalización/contextualización, imaxinación e memoria e gustáronme moito os exemplos que nos ensinou a docente, que obviamente vou utilizar nun futuro xa que son súper fáciles de facer. Iso si, as fotos que utilicemos temos que escollelas ben, non vale calquera. Por exemplo, como nos ensinou Luz na clase, para o xogo Show and tell é moito mellor unha foto persoal e ao mesmo tempo sinxela, a cal de pe a facer moitas preguntas e, no caso de xogar a crear unha historia, o mesmo, ten que ser unha foto que poida ter moitos camiños e posibilidades. O mesmo ocorre cos role play, se os alumnos/as teñen obxectos físicos, será moito máis motivante e divertido para eles que se teñen que imaxinar que hai algo. Con respecto ao Brainstorm, estou moi a favor desta estratexia, xa que me parece unha boa táctica sobre todo para recordar e practicar vocabulario. Ademais son xogos moi simples que se poden adaptar a calquera curso poñéndolle máis ou menos dificultade ao asunto. Por exemplo, o xogo do alfabeto e das listas faríao cos máis pequenos xa que non teñen moita dificultade e as actividades de adiviñar ou recordar unha historia para os máis maiores con máis nivel.



Outras actividades que non coñecía e me gustaron moito foron os tests de personalidade “chorras”, o xogo de escoller entre dúas opcións e explicar o por que e, sobre todo, o de debuxar unha cara triste ou sorrindo no encerado. Esa actividade encantoume, parece mentira que un xogo tan simple poida dar para tanto, porque aparte de utilizar vocabulario tamén teñen que usar tempos verbais diferentes.

En resumo, foi unha sesión da que me levo moitísimos recursos, consellos, xogos e actividades a realizar nas miñas futuras clases. Penso que todo o que nos ensinou Luz foi moi interesante, sobre todo a multitude de xogos, que son unha forma de divertirse na clase e ao mesmo tempo aprender.

2 comentarios:

  1. Alégrome moito de que obtiveses tante rendemento desta sesión. Tratamos de ofrecer a práctica que ilustra a teoría, porque as dúas son necesarias na práctica de aula.
    Un comentario: non uses "exercicio" cando o que refires é unha actividade, recorda a diferencia. Parece unha tontería pero si queremos cambiar o "chip" temos que comezar a usar o vocabulario axeitado para referirnos a cada cousa.

    ResponderEliminar
  2. Tes toda a razón Luz, foi un despiste que xa corrixín. Moitas grazas.

    ResponderEliminar