A última sesión con Luz e Ana gustoume moitísimo. Poder
estar todos xuntos de novo na última clase do mestrado coas dúas docentes que
máis nos aportaron foi xenial. Ademais, os temas que nos propuxeron Luz e Ana
para debater foron moi interesantes, xa que hoxe en día hai un gran dilema con
estes temas: usar ou non a lingua materna nas clases de linguas estranxeiras,
mandar ou non deberes para casa e utilizar as novas tecnoloxías na aula.
Como non podía ser doutra maneira, comezamos a clase cun warm up. A actividade de facerse pasar
por un marciano pareceume moi graciosa e unha boa maneira de practicar a produción
oral. Ademais, ao ser unha actividade divertida, creo que os alumnos/as a
farían con máis ganas que se fose, por exemplo, falar de eles mesmos, da súa
vida, etc. Así mesmo, serve para realizar con calquera grupo porque é bastante
sinxela e non teñen que seguir ningunha pauta, simplemente falar ou intentar
explicar cousas da maneira que máis fácil lles resulte.
A seguinte actividade por grupos foi pensar nas calidades
que tiña o/a mellor docente que tivemos na nosa etapa educativa. A nós como
grupo pareceunos súper importante a cercanía do docente cos seus alumnos/as e
ao mesmo tempo que sexa esixente, que dea confianza para que os estudantes
participen na clase e que teña paixón polo seu traballo. Cada grupo dixo unha
calidade e todas me pareceron moi importantes, pero as que creo que son
imprescindibles para un docente son que sexa xusto e que aparte de ter moitos
coñecementos na materia que os saiba transmitir aos seus alumnos/as.
O primeiro debate que levamos a cabo por grupos foi o de
usar a lingua materna na aula. Cando comezamos a debater, eu opinei que para
francés en 1º da ESO como en principio ninguén deu anteriormente a materia e
non saberían practicamente nada, si que usaría a lingua materna. Sen embargo,
despois de escoitar as opinións das miñas compañeiras cambiei de opinión. Elas
argumentaron que o francés é unha lingua moi parecida á nosa, polo que hai
aspectos bastantes semellantes e non dificulta tanto o entendemento, e ademais
que nos podemos apoiar tamén en imaxes, xestos, etc. para que haxa unha mellor
comprensión.
Nos debates dos outros temas non cambiei a miña opinión
persoal e todas opinabamos practicamente o mesmo. Con respecto aos deberes, eu
estou de acordo en que haxa deberes para casa porque así é como poden practicar
o que se estivo dando na clase. A maioría dos alumnos/as non van a practicar na
súa casa inglés/francés voluntariamente, polo tanto eu creo que é necesario
poñer algo de deberes. Ademais, a aprendizaxe das linguas estranxeiras ten que
ser algo constante e continuo e, coas poucas horas que hai no currículo para as
linguas, sen deberes sería imposible ter unha boa aprendizaxe. Iso si, poñer
deberes con cabeza, e non 5 páxinas completas como fan algúns docentes, porque
é verdade que os estudantes teñen moitas máis materias que a nosa nas que tamén
lles porán deberes.
Por último, falando do uso das novas tecnoloxías na aula,
penso que está ben utilizalas, pero como docentes hai que facer un bo uso
delas. De nada sirve ter unha pizarra interactiva se se van seguir facendo os
mesmo exercicios que co taboleiro normal. O mesmo ocorre coas tabletas e os
ordenadores que substitúen os libros de texto, xa que moitos fan o mesmo que co
libro, sen innovar nin facer actividades diferentes que antes sen a tecnoloxía
non eran posibles. Ademais, hai que ter especial coidado, porque ás veces pode
resultar perigoso que os estudantes utilicen o móbil, o ordenador ou a tableta
sen a supervisión do docente.
En conclusión, tanto esta como as sesións anteriores con
Luz e Ana gustáronme e aportáronme moitísimo, ensináronnos multitude de
actividades para cada destreza, déronnos numerosos consellos e, sobre todo, a
min persoalmente transmitíronme moitísimas ganas de ser docente. Polo tanto,
por un lado estou moi agradecida de poder telas como docentes e, por outro
lado, dáme pena non poder haber desfrutado delas moito máis tempo. Espero que
nun futuro poida ser polo menos a metade de boa profesora que son elas. Grazas
ás dúas.