A terceira sesión con Ana sobre a explotación de libros
de texto estivo moi ben, como todas as demais en realidade. É moi importante
para nós como docentes manexar e coñecer moi ben o libro de texto que estamos
utilizando na clase cos nosos alumnos/as. Ademais, como nos comentou Ana na
sesión de onte, temos que estar por encima do libro, xa sexa porque teñan algún
erro ou porque os exercicios que propoñen non estean moi elaborados ou non se
lle saque tanto partido como nós si poderiamos facelo. Con respecto ao debate
que hai hoxe en día de utilizar ou non libros de texto nas aulas, eu estou a
favor de que si os haxa, pero iso non quere dicir que teñamos que facer todo o
que o libro indica e seguilo rigorosamente. Máis ben sería como o que fixemos
onte en grupos ao final da clase, ver que exercicios hai na unidade, cales
serían interesantes de facer tal cal veñen no libro, se lles cambiariamos algo,
se saltariamos exercicios e aportariamos algo novo nos, etc. Nos como docentes
e “expertos na materia” temos que saber que exercicios son mellores para os
nosos alumnos/as e de cales se pode sacar máis xugo.
Con respecto á actividade Quen son? que fixemos como warm
up ao principio da sesión, pareceume moi divertida para realizar na aula
con calquera curso, xa que se pode adaptar elixindo temas que resulten máis ou
menos difíciles de adiviñar ou que se necesite máis ou menos a comunicación
entre eles. Ademais é unha actividade que non costa nada facer e é
reutilizable, polo que metereina segurísimo na miña mochila como profesora.
Tamén me gustou moito que nos falase un pouco dos
docentes César Bona, David Calle e Ángel Carracedo, xa que aos dous primeiros,
aínda que si os coñecía por ser bos profesores, non sabía moito máis deles e ao
último non o coñecía. Ana comentounos algunhas frases que dixeron cada un e a
verdade é que estou completamente de acordo con todas, como por exemplo “a
curiosidade é o motor que nos move” e “hai que darlle mimos aos nenos/as”.
Facendo especial atención a esta última, eu non son moito de facer ese tipo de
comentarios porque simplemente non me saen, pero creo que, en realidade, aínda
que pareza algo sen insignificancia, si que é importante, polo que espero
cambiar e, se algún dia son profesora, dicilo de vez en cando.
Cando pasamos a ver os libros de texto, gustoume, en
primeiro lugar, que Ana nos trouxera o libro co que está ela traballando cos
seus alumnos/as na clase e non outro calquera e, en segundo lugar, que nos
comentara actividades que si fixo de verdade cos seus alumnos/as e non posibles
hipóteses do que se podería facer, que é o que fixemos con outros docentes.
Algo que teño claro que farei sen dúbida é plastificar fotos sobre temas
diferentes, como as fotos que nos ensinou Ana de comida. Ademais, dependendo
das fotos pódense usar para cursos diferentes e para facer distintos tipos de
actividades por grupos, en parellas, todos xuntos... Outra cousa que me chamou
a atención do que nos dixo Ana foi que non explique a gramática. Supoño que me
soará raro porque cando eu era estudante sempre era no que máis se paraban os
profesores. Sen embargo, creo que Ana ten razón e que non hai que chamarlle por
exemplo “Relative clauses”, porque en realidade os alumnos/as non saben nin o que
é en español, polo que é mellor ir introducindo as cousas sen explicar que é
como aprendemos a nosa lingua materna.
Por último, teño que comentar que me gustou moito o
detalle de que Ana nos trouxera ás de francés unhas fotocopias dun libro de
texto de francés, ademais de que nos axudou a facer posibles actividades. A
verdade é que se agradece moito porque en realidade de francés non tivemos
docentes que nos ensinaran actividades a traballar cos alumnos/as como Ana e
Luz para inglés. Hai algunhas actividades que si as podemos copiar e levar a
cabo na clase de francés, pero hai outras que son bastante difíciles de facer
debido ao nivel inferior que hai con respecto ao inglés. Polo tanto, teño que
dicir que os meus compañeiros de inglés danme bastante envexa sa.
En resumo, foi unha moi boa sesión onde Ana nos aportou,
como sempre, moitas cousas. Cada vez teño máis claro que, nun futuro,
encantaríame ser como Ana pero na materia de francés. Ogallá me chamen “loca”,
porque se o fan quererá dicir que estou facendo ben o meu traballo como docente.
Is technology transforming education?
Con respecto ao artigo Is technology transforming education? estou moi de acordo co que di Russell Stannard. Penso
que na maioría dos centros estase facendo un “mal” uso da tecnoloxía, porque
cren que cambiando un libro de texto por un ordenador ou unha tablet xa está, pero non é así. Para que
a nosa educación sexa transformadora, o que hai que cambiar primeiro é a
metodoloxía tradicional que se emprega aínda nas aulas e o currículo. De nada
sirve ter a última moda en tecnoloxía na clase se despois non se explota, e o
único que se fai é o mesmo que antes (por exemplo, exercicios de encher ocos),
cambiando simplemente o material: un taboleiro por unha pizarra interactiva ou un
bolígrafo por un teclado. Iso non é nada innovador, xa que segue sendo unha
ensinanza conductual típica. Polo tanto, para transformar a ensinanza e a aprendizaxe,
non basta soamente coa tecnoloxía, vai moito máis alá. Os docentes teñen que decidir
como usar a tecnoloxía e como queren que os seus alumnos/as a usen, innovando
en actividades, co obxectivo de que os estudantes teñan clases máis activas e participativas
e desenvolvan outro tipo de habilidades que son necesarias hoxe en día.
Alégrame que te resultase útil a sesión. Non desesperes no asunto dos materiais en francés. Vótalle un ollo os enlaces que vos enviamos cos apuntes de cada sesión.
ResponderEliminarPor certo, Ángel Carracedo é xenetista. Catedrático de mediciña legal.