Mostrando entradas con la etiqueta metodoloxía CLIL. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta metodoloxía CLIL. Mostrar todas las entradas

martes, 19 de diciembre de 2017

Diario: Tema 6. Metodoloxías CLIL/AICLE

Con respecto ao tema 6: Metodoloxías CLIL/AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira), vou facer un pequeno comentario sobre as ideas que xurdiron do debate na clase sobre o plan da Xunta de Galicia EDUlingüe que intenta integrar esta metodoloxía. Este proxecto consiste en estender o plurilingüismo por toda Galicia dende a etapa infantil até a universidade afectando tamén ao profesorado. Esta iniciativa pretende alcanzar os seus obxectivos no ano 2020 cunha inversión de 70 millóns de euros.
A Xunta quere conseguir 500 centros plurilingües, 600 seccións bilingües novas, o dobre de auxiliares de conversa alcanzando os 1000 e que un 30% do profesorado teña o nivel C1 nunha lingua estranxeira. Na miña opinión, esta proposta está moi ben e obviamente pódese conseguir, pero non en dous anos, xa que se necesita un período máis longo de adaptación. Un proxecto desta envergadura non se leva a cabo da noite á mañá. Polo tanto, penso que é moi pouco realista e demasiado ambicioso para que se estableza por completo dentro de dous anos. Ademais, con respecto ao orzamento, 70 millóns de euros da para moito, pero a cuestión é que estes cartos estean ben invertidos nos recursos adecuados e que sexa efectivo.



Outro dos aspectos máis importantes a destacar e que vexo persoalmente máis imposible de conseguir é a formación do profesorado. A Xunta creará un plan de formación específico sobre linguas estranxeiras para que os docentes galegos poidan lograr un C1 nunha lingua estranxeira. Este plan penso que é bastante difícil sobre todo para os docentes que xa pasaron a súa etapa de formación e na súa época estudaron para ser competentes na materia que eles mesmos imparten e non para ter un bo nivel nunha lingua estranxeira. Este tipo de profesorado que non é bilingüe nin nativo nin ten relación con outra lingua diferente á materna dificilmente vai poder chegar dun nivel A2 básico a un nivel avanzado C1, penso que é practicamente imposible ou soamente o conseguirá un porcentaxe moi pequeno de docentes. Para conseguir este obxectivo haberá que reciclar o profesorado, adaptar novas metodoloxías na aula, ampliar os coñecementos, aprender a traballar constantemente coas TIC, etc., tendo unha formación constante. Polo tanto, creo que non se conseguirá até que pasen uns anos e as novas xeracións máis preparadas cheguen a ser docentes.
Algo parecido pasa tamén co alumnado, xa que se establecerán procedementos para certificar ao alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, mediante a EOI ou entidades estranxeiras. Ademais, a Xunta ten como obxectivo que un 30% dos estudantes da ESO certifiquen un nivel B1 e que outro 30% dos de Bacharelato certifiquen un nivel B2. Na miña opinión é un paso moi grande xa que isto é un proceso que non se consegue con arte de maxia. Hai que lembrarse de que nestes momentos, o alumnado de Bacharelato remata soamente cun nivel A2, polo que sería saltar dous niveis en soamente dous anos. Isto será algo que se conseguirá seguramente cos anos, pero non nun futuro inmediato. Ademais, tamén hai que ter en conta que hai persoas ás que non se lle dan ben os idiomas ou non lle gusta estudar outras linguas máis que a súa propia, polo tanto, con este proxecto haberá estudantes que teñan moitas dificultades nas materias que se impartan nunha lingua estranxeira.

A todo isto hai que engadir que España é un país que ten unha ideoloxía monolingüe dende o franquismo e, aínda que a metodoloxía CLIL foi un éxito en algúns países de Europa, isto non quere dicir que o sexa aquí tamén, xa que nos países que se experimentou esta metodoloxía xa se utilizaba o inglés, por exemplo, como segunda lingua ao ter un idioma materno pouco común.
En conclusión, soamente nos quedará esperar uns anos para ver se este proxecto tan ambicioso que creou a Xunta ten bos resultados ou non e se a metodoloxía CLIL funciona en Galicia tan ben coma noutros países, xa que, se funcionase, sería dar un paso adiante coas linguas estranxeiras.




Dosier: Tema 6. Metodoloxía CLIL/AICLE

O primeiro que fixemos para comezar o tema 6: Metodoloxía CLIL/AICLE foi un debate piramidal sobre as diferencias entre as seccións bilingües e os centros plurilingües. Comezamos como sempre dialogando por parellas, aínda que non sabiamos moi ben cal era a diferencia e tiñamos soamente unha idea do que eran os centros plurilingües. Despois comentamos as nosas opinións con outra parella, pero estaban máis ou menos igual ca nós, sen ter moitos coñecementos específicos sobre cales eran as diferenzas. Por último, comentámolo en grupo e xa con toda a clase en xeral e non había ninguén que soubera en realidade as diferenzas. O docente foi quen nos explicou en que consistía cada un. Por un lado, as sección bilingües forman parte dos centros nos que hai materias que individualmente un profesor imparte como mínimo un 50% na lingua estranxeira, sendo un profesor illado que non ten outra conexión básica até o momento. Estas seccións creáronse moito antes que os centros plurilingües xa que eran o ensaio do que ían ser os plurilingües. Por outro lado, os centros plurilingües son aqueles nos que se decide que unha ou varias materias sexan 100% nun idioma estranxeiro, dependendo de se o profesor está capacitado ou non, e vai estar integrada na metodoloxía CLIL. Esta actividade estivo moi ben xa que en realidade non tiñamos moita idea das diferenzas entre as sección bilingües e os centros plurilingües e grazas á explicación do docente puidemos comprendelas.


Despois o docente proporcionounos un documento sobre o plan EDUlingüe no que a Xunta inviste 70 millóns co fin de estender o plurilingüismo en Galicia. Primeiro tivemos que ler individualmente o documento e logo por parellas comentar os 4 puntos que nos pareceron máis relevantes (as cousas que poden ser efectivas, as que non...). En xeral, todos opinamos que é un proxecto moi ambicioso e pouco realista para levarse a cabo en 2020, xa que en realidade quedan soamente 2 anos, polo que é imposible. Hai bastantes cousas que nos parecen boas ideas como a facilitación da adquisición dun nivel b2 con certificación en Bacharelato, a implicación das familias ou a formación do profesorado. Sen embargo, hai outros puntos que non estamos moi de acordo como é a implantación do chinés e ruso, xa que en realidade os estudantes case non saben inglés ou outra lingua como o francés, como para estudar un idioma moito máis difícil.
Con respecto ao documento anterior, en especial coa formación do profesorado cun nivel C1, o docente ensinounos unha noticia ( http://praza.gal/movementos-sociais/15630/profesorado-denuncia-a-privatizacion-da-certificacion-de-idiomas-por-parte-da-xunta/ ) que ten que ver coa privatización da certificación de niveis por parte da Xunta para saltarse unha certificación en serio onde os profesores non chegarían a un B2. Deste modo, adquírese o certificado a través dun centro autonómico de formación do profesorado e non nunha Escola Oficial de Idiomas. Penso que este tipo de actividades son moi interesantes para informarnos tamén do que está pasando e non soamente centrarnos no que é a materia en si.


Despois, unha compañeira expuxo a súa presentación sobre a metodoloxía CLIL, mostrando as súas características e ensinándonos un proxecto real que levouse a cabo cun instituto de Niza e outro de Peñíscola. Neste proxecto de carácter interdisciplinar estaban implicadas as materias de francés, de lingua castelá, bioloxía, matemáticas e física e química. Consistía na simulación dun asasinato no que o outro instituto tiña que resolver o crime. As vantaxes de esta metodoloxía é a alta motivación e participación do alumnado, a aprendizaxe colaborativa e por tarefas, o emprego das TICs, a flexibilidade no emprego da lingua estranxeira, as estratexias de andamiaxe, etc.
Para terminar, o docente fixo un pequeno resumen sobre a metodoloxía CLIL, explicando os principios metodolóxicos (a lingua úsase para comprender e comunicar tanto contidos léxicos e estruturais como contidos para explicar, negociar, resumir...),  as dimensións (cultura, contorno, lingua, contido), as características (centrado no alumnado, ensinanza do particular ao xeral e aprendizaxe por proxectos ou tarefas) e as vantaxes (integrado en varias materias, aprendizaxe significativo da lingua, aprendizaxe eficaz con simulacións contextualizadas, coñecementos a través das situacións reais, facilita a elaboración do PLC...).



En conclusión, esta sesión pareceume moi útil e moi importante, xa que non sabía practicamente nada sobre a metodoloxía CLIL nin as diferenzas que había entre as sesións bilingües e os centros plurilingües e agora podería dicir que si. Ademais, gustaríame resaltar a actividade sobre o documento da Xunta sobre o plurilingüismo, xa que non tiña nin idea de este proxecto e para nós, como futuros docentes de linguas estranxeiras, é moi importante.