Mostrando entradas con la etiqueta diario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta diario. Mostrar todas las entradas

martes, 16 de enero de 2018

Diario: Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras

Con respecto á materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, vou facer un pequeno comentario sobre as diferenzas que hai entre a ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira en nenos/as e en adultos.
Hai un dito moi popular sobre a aprendizaxe de idiomas, que di que canto máis xoves somos, máis facilidades temos para adquirir unha lingua estranxeira. Isto débese a que nos primeiros anos de vida dos rapaces e rapazas, o cerebro vai estruturando os diferentes nexos entre as súas neuronas. Polo tanto, se durante este cedo proceso, os nenos/as empezan novos aprendizaxes como unha lingua estranxeira, beneficiaranse moito, xa que o seu cerebro seguirá aumentando as súas conexións neuronais e aprenderán a un ritmo moito máis rápido e con máis facilidade.

Así mesmo, os cativos/as teñen unha curiosidade ilimitada, algo moi importante na aprendizaxe de idiomas e que non posúen os adultos, xa que xeralmente estes últimos recorren á formación na medida en que esta responde a unha necesidade.
Con respecto a adquirir novos conceptos, os nenos/as interiorizan e absorben moito máis rápido, xa que son como esponxas. Non obstante, os adultos aprenden moito máis lento e cóstalle máis quedarse coas cousas, aínda que á hora de reter, por exemplo, vocabulario, os nenos/as esquécense moito máis rápido.
Por outro lado, os adultos teñen un maior medo ao ridículo que os cativos/as, o cal é unha gran desvantaxe, pois ao aprender unha lingua nova é normal cometer multitude de erros, pero aínda así a maioría prefire non falar en público e así non cometelos. Isto é un aspecto moi importante xa que unha lingua apréndese falando e practicando. Ademais, os adultos tamén teñen moitas máis inseguridades e séntense con máis confianza na escritura e na gramática, mentres que os cativos/as non teñen tanta vergonza e dálles máis igual equivocarse en público e ter erros. Polo tanto, cos cativos/as sóese traballar moito máis a produción oral e non tanto a escrita.

Outra vantaxe de comezar a estudar unha lingua estranxeira en idades temperáns é que a lingua materna aínda non está totalmente establecida, polo tanto non condiciona tanto o proceso de ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Isto, sen embargo, prexudica bastante aos adultos xa que si teñen a lingua materna establecida e, polo tanto, é moito máis difícil para eles separar unha lingua da outra.
Non obstante, non todo son sombras para os adultos. Estes son máis eficaces na aprendizaxe e dominio da morfoloxía, da sintaxe e do léxico e saben desenvolver mellores estratexias para comprender o idioma. O adulto sabe aprender a aprender, ten moitas máis capacidades e habilidades ca un neno/a como a concentración, a responsabilidade, a autonomía...
Ademais, os maiores soen ser máis disciplinados e serios, teñen maior capacidade de pensamento abstracto, teñen claro porque están estudando unha lingua estranxeira e para que lle sirve e, algo moi importante, a experiencia vivida.


Sen embargo, na miña opinión, o primordial e o que fai que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira sexa un éxito é a motivación. Esta é menor nos nenos/as que nos adultos, xa que os primeiros teñen que estudar (en principio) o idioma por obrigación, e os segundos aprenden un idioma estranxeiro normalmente porque queren ou o fan cun propósito en concreto (traballo, viaxes...). Polo tanto, a motivación nos adultos é interna, mentres que a motivación dos rapaces e rapazas é externa, xa que lle ven imposta no currículo e non teñen unha meta que lles motive a aprender.
En conclusión, para aprender unha lingua estranxeira o mellor é facelo canto antes, xa que, sobre todo, terase moito máis tempo para acumular anos de uso da lingua. Non obstante, ser adulto non significa que non se vaia a ter unha aprendizaxe eficaz, xa que tamén depende, por un lado, das habilidades e competencias de cada individuo e, por outro lado, das ganas e a motivación de cada un. Polo tanto, podemos dicir que os beneficios e as vantaxes de aprender un idioma novo están presentes en todas as etapas da vida e nunca é demasiado tarde para comezar a estudar unha lingua nova.


domingo, 31 de diciembre de 2017

Comentarios en blogs

Nesta entrada deixo os comentarios que lle fixen a algunhas das miñas compañeiras. Aquí finalizan as miñas entradas para a materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional.
Feliz nadal e feliz ano novo!

Miriam
Diario. Unidade 5: As programacións didácticas


María
Diario. Tema 6: Metodología AICLE

Marian
Diario. Tema 7 y 8: El trabajo por proyectos

Sara
Diario. Tema 5: Las programaciones didácticas vigentes

Susana
Diario. A aprendizaxe de linguas en España



Mariña
Diario. Tema 7 y 8






sábado, 30 de diciembre de 2017

Diario: Temas 7 e 8

Nesta entrada, con respecto ao tema 7, vou facer unha pequena comparación entre os sistemas educativos de éxito vistos na última sesión de clase (Finlandia, Corea do Sur e Xapón). No último informe PISA, estes 3 países quedaron entre os 10 mellores tanto en lectura como en matemáticas e ciencias. A simple vista, sen saber moito de cada un, parece que teñen un bo sistema educativo vendo os resultados que tiveron en 2015. Sen embargo, na miña opinión, non en todos é así.



No caso de Finlandia, que xustamente fixen eu a presentación, paréceme que ten un sistema educativo moi bo meritorio de implantar noutros países. A súa educación non so se basea en estudar todo o tempo, senón tamén se ten en conta o tempo para xogar e, polo tanto, ser felices.
Sen embargo, Corea do Sur ten un sistema educativo que se basea en estudar practicamente as 24 horas do día sen parar e sen ter tempo libre para xogar ou relacionarse. É normal, polo tanto, que saquen bos resultados nas probas se os estudantes pasan case toda a súa vida estudando sen parar. Na miña opinión, non merece a pena sacar tan bos resultados se en realidade non es feliz nin tes tempo para desfrutar un pouco da vida.
No caso de Xapón, para min estaría no medio entre Finlandia e Corea do Sur. O seu sistema educativo non está mal, pero tampouco xenial como o de Finlandia. Tense moito máis en conta ao alumnado, pero aínda así hai un disciplina moi rigorosa e esíxeselle moitísimo aos estudantes.
O sistema educativo de Finlandia baséase na confianza e responsabilidade do alumnado, nun ambiente cálido e acolledor con especial atención ás necesidades educativas especiais e estando o alumnado constantemente motivado grazas ás metodoloxías activas que se levan a cabo. Sen embargo, tanto en Corea do Sur como en Xapón, a ensinanza está máis centrada no profesorado e é de carácter memorístico. Ademais, existe unha competitividade moi forte, na que os estudantes se senten moi angustiados e con moito estrés, de feito, Corea do Sur ten a taxa máis alta de suicidios adolescentes. En Finlandia non hai cualificacións até despois dos 10 anos, polo que se busca non fomentar a competitividade e non categorizar aos estudantes.
Por outro lado, con respecto ás metodoloxías que seguen cada un e facendo referencia ao tema 8, Finlandia leva a cabo métodos activos, como a aprendizaxe por proxectos ou tarefas, onde o profesor serve de guía e orientador e o discente é o protagonista da súa propia aprendizaxe sendo o centro de atención. Así mesmo, o estilo orgánico e relaxado da educación finesa centra o seu modelo educativo en torno ás etapas dos nenos e nenas, impulsando a súa curiosidade, os seus intereses e capacidades de autoaprendizaxe. Sen embargo, en Xapón e Corea do Sur, sobre todo, non se teñen tan en conta as necesidade dos estudantes nin teñen un papel tan activo na escola. Ademais, a creatividade do alumnado en ambos países non é moi importante, algo que en Finlandia si se ten moito en conta.



Vistas todas estas diferenzas entre uns e outros, poderiamos dicir que tamén hai similitudes entre eles que fan que sexan os sistemas educativos con máis éxito do mundo. Tanto en Finlandia como en Corea do Sur e Xapón, a educación obrigatoria é gratuíta, polo que está ao alcance de todos. Así mesmo, a lexislación educativa é estable e duradeira e, por último, o profesorado é moi respectado e valorado. Soamente poden acceder á formación de profesorado os mellores xa que é unha carreira moi selectiva e, unha vez na docencia, teñen unha formación continua e avaliacións constantes.

En conclusión, penso que aínda que os 3 teñan bos resultados nas probas PISA, non hai punto de comparación entre o sistema educativo de Finlandia co de Corea do Sur e de Xapón. A verdade é que non me gustaría vivir nun sitio onde pases a maioría do teu tempo estudando e competindo cos demais continuamente sen parar. Prefiro unha educación onde aparte de ensinar coñecementos, tamén busquen a felicidade dos nenos e teñan en conta as necesidades de cada estudante, sen agobialos nin estresalos ata o punto de suicidarse. A parte diso, creo que os sistemas educativos funcionarán mellor se utilizamos metodoloxías activas onde os discentes sexan sempre os protagonistas e nós os guías que os axudemos no proceso de ensinanza-aprendizaxe.



martes, 19 de diciembre de 2017

Diario: Tema 6. Metodoloxías CLIL/AICLE

Con respecto ao tema 6: Metodoloxías CLIL/AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira), vou facer un pequeno comentario sobre as ideas que xurdiron do debate na clase sobre o plan da Xunta de Galicia EDUlingüe que intenta integrar esta metodoloxía. Este proxecto consiste en estender o plurilingüismo por toda Galicia dende a etapa infantil até a universidade afectando tamén ao profesorado. Esta iniciativa pretende alcanzar os seus obxectivos no ano 2020 cunha inversión de 70 millóns de euros.
A Xunta quere conseguir 500 centros plurilingües, 600 seccións bilingües novas, o dobre de auxiliares de conversa alcanzando os 1000 e que un 30% do profesorado teña o nivel C1 nunha lingua estranxeira. Na miña opinión, esta proposta está moi ben e obviamente pódese conseguir, pero non en dous anos, xa que se necesita un período máis longo de adaptación. Un proxecto desta envergadura non se leva a cabo da noite á mañá. Polo tanto, penso que é moi pouco realista e demasiado ambicioso para que se estableza por completo dentro de dous anos. Ademais, con respecto ao orzamento, 70 millóns de euros da para moito, pero a cuestión é que estes cartos estean ben invertidos nos recursos adecuados e que sexa efectivo.



Outro dos aspectos máis importantes a destacar e que vexo persoalmente máis imposible de conseguir é a formación do profesorado. A Xunta creará un plan de formación específico sobre linguas estranxeiras para que os docentes galegos poidan lograr un C1 nunha lingua estranxeira. Este plan penso que é bastante difícil sobre todo para os docentes que xa pasaron a súa etapa de formación e na súa época estudaron para ser competentes na materia que eles mesmos imparten e non para ter un bo nivel nunha lingua estranxeira. Este tipo de profesorado que non é bilingüe nin nativo nin ten relación con outra lingua diferente á materna dificilmente vai poder chegar dun nivel A2 básico a un nivel avanzado C1, penso que é practicamente imposible ou soamente o conseguirá un porcentaxe moi pequeno de docentes. Para conseguir este obxectivo haberá que reciclar o profesorado, adaptar novas metodoloxías na aula, ampliar os coñecementos, aprender a traballar constantemente coas TIC, etc., tendo unha formación constante. Polo tanto, creo que non se conseguirá até que pasen uns anos e as novas xeracións máis preparadas cheguen a ser docentes.
Algo parecido pasa tamén co alumnado, xa que se establecerán procedementos para certificar ao alumnado dos centros plurilingües ao final de cada etapa, mediante a EOI ou entidades estranxeiras. Ademais, a Xunta ten como obxectivo que un 30% dos estudantes da ESO certifiquen un nivel B1 e que outro 30% dos de Bacharelato certifiquen un nivel B2. Na miña opinión é un paso moi grande xa que isto é un proceso que non se consegue con arte de maxia. Hai que lembrarse de que nestes momentos, o alumnado de Bacharelato remata soamente cun nivel A2, polo que sería saltar dous niveis en soamente dous anos. Isto será algo que se conseguirá seguramente cos anos, pero non nun futuro inmediato. Ademais, tamén hai que ter en conta que hai persoas ás que non se lle dan ben os idiomas ou non lle gusta estudar outras linguas máis que a súa propia, polo tanto, con este proxecto haberá estudantes que teñan moitas dificultades nas materias que se impartan nunha lingua estranxeira.

A todo isto hai que engadir que España é un país que ten unha ideoloxía monolingüe dende o franquismo e, aínda que a metodoloxía CLIL foi un éxito en algúns países de Europa, isto non quere dicir que o sexa aquí tamén, xa que nos países que se experimentou esta metodoloxía xa se utilizaba o inglés, por exemplo, como segunda lingua ao ter un idioma materno pouco común.
En conclusión, soamente nos quedará esperar uns anos para ver se este proxecto tan ambicioso que creou a Xunta ten bos resultados ou non e se a metodoloxía CLIL funciona en Galicia tan ben coma noutros países, xa que, se funcionase, sería dar un paso adiante coas linguas estranxeiras.




lunes, 18 de diciembre de 2017

Diario: Tema 5. Programacións didácticas

Con respecto ao tema 5: Programacións didácticas, vou facer un pequeno comentario sobre un dos seus elementos máis importantes, a avaliaciónA avaliación é un proceso que ten como fin determinar en que medida se lograron os obxectivos que se estableceron durante o proceso de ensinanza-aprendizaxe, que supón un xuízo de valor sobre unha programación didáctica previamente feita, e que se emite ao contrastar esa información con ditos obxectivos. A avaliación da aprendizaxe ten diferentes tipos de aplicación, en canto á súa temporalización, é dicir, segundo o momento en que se aplican, polo que esta pode ser: inicial ou diagnóstica, continua ou formativa e final ou sumativa.


Con respecto á avaliación diagnóstica, esta é a que se realiza ao inicio dun curso, módulo ou unidade didáctica, dunha etapa educativa. Este tipo de avaliación axuda a detectar a situación de partida do alumnado, a través da cal o docente inicia o proceso educativo cun coñecemento real de todos e cada un dos alumnos e alumnas. Polo tanto, poderiamos dicir que a avaliación inicial é unha investigación sobre as competencias nos tres dominios: saber, saber facer e saber ser e estar. Unha vez conseguida a información, adaptaranse os posible cambios á unidade programada, para adecuala ao nivel de competencias encontradas no grupo clase. Así, esta avaliación permitiralle tamén ao docente deseñar posibles estratexias metodolóxicas-didácticas e levar a súa práctica á realidade dos coñecementos previos do alumnado. Ademais, é importante realizar unha ampla escolla de datos para precisar características dos estudantes, así como identificar as súas necesidades, intereses e capacidades e coñecer aspectos tamén persoais, sociais, etc., para ter un coñecemento o máis amplo posible. En resumo, esta avaliación ten unha función eminentemente diagnóstica, xa que servirá para coñecer ao alumnado e así adaptar dende o primeiro momento a actuación do docente ás necesidades dos estudantes.
En canto á avaliación formativa, esta se programa en moitos momentos durante o desenvolvemento dun curso, unidade didáctica, etc. Está considerada coma un proceso de perfeccionamento e optimización e, con ela, preténdense establecer cambios permanentes e eficaces na conducta dos estudantes, que consta das valoracións constantes da aprendizaxe mediante a aplicación dunha variedade de instrumentos de avaliación e o análise dos resultados. Ademais, esta avaliación posibilita recoñecer potencialidades e dificultades do proceso de aprendizaxe de cada estudante, así como da ensinanza do docente. Polo tanto, os resultados interesan, tanto a docente que pode utilizalos para modificar a súa planificación sen esperar ao final do proceso, como ao alumnado que pode utilizalos para modificar o seu método de aprendizaxe. Grazas a esta maneira de actuar, será moito máis fácil que a maioría de alumnos e alumnas alcancen as competencias propostas, xa que se un docente non ten datos de seguimento dos estudantes ao longo do curso, cando chegue a etapa final, estes terán poucas oportunidades para emendar as dificultades presentadas. En resumo, coa avaliación formativa obtense o coñecemento sobre o nivel que os estudantes están alcanzando ou as dificultades ás que se están enfrontando, polo tanto esta avaliación resulta preventiva xa que hai oportunidade para reaxustar a metodoloxía de ensinanza ás condicións de aprendizaxe do alumnado.
Por último está a avaliación sumativa, que consiste na recollida e valoración de datos ao finalizar un período de tempo previsto para a realización dun proceso de ensinanza-aprendizaxe, como constatación do alcance dos obxectivos previstos. A finalidade desta avaliación é coñecer o que saben os estudantes para comprobar o que aprenderon e  como integraron eses coñecementos. Ademais, esta avaliación supón un momento de reflexión en torno ao alcanzado despois dun prazo establecido e os resultados que aporta poden ser o punto de partida da avaliación inicial do seguinte curso, unidade didáctica, etc.

En conclusión, os tres tipos de avaliación son moi importante para levar a cabo con éxito o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Ademais, todas están conectadas entre si, xa que en realidade o proceso educativo non ten un principio e un fin claramente establecidos, senón que todo é un continuo. Polo tanto, nós, como futuros docentes, debemos ter en conta sempre tanto a avaliación diagnóstica, como a formativa e a sumativa.
  

jueves, 7 de diciembre de 2017

Diario: Tema 4. O deseño curricular

Con respecto ao tema 4: O deseño curricular visto na clase, vou facer un pequeno comentario sobre as competencias básicas seleccionadas polo MEC en relación coas linguas estranxeiras. Estas competencias son sete: comunicación lingüística (CCL), competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT), competencia dixital (CD), competencia aprender a aprender (CAA), competencia social e cívica (CSC), sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE) e conciencia e expresións culturais (CCEC).

En primeiro lugar, a aprendizaxe dunha lingua estranxeira contribúe dunha maneira directa á adquisición da competencia en comunicación lingüística, xa que mellora a competencia comunicativa xeral. Grazas a esta desenvólvese a habilidade para expresarse, oralmente e por escrito, utilizando as convencións e a linguaxe apropiada a cada situación, interpretando diferentes tipos de discurso en contextos diferentes e con funcións distintas. Así mesmo, a contribución dunha lingua estranxeira ao desenvolvemento desta competencia é primordial no discurso oral ao adquirir as habilidades de escoitar, falar e conversar.

Por outro lado, a lingua estranxeira tamén axuda a adquisición da competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía nunha gran variedade de situacións de comunicación cotiás como, por exemplo, a realización de operacións matemáticas sinxelas, a comparación de prezos, dimensións, divisas, distancia entre lugares, número de habitantes, ademais de resolver problemas, representar ou interpretar gráficos ou estatísticas, etc. Así mesmo, entender os conceptos gramaticais, aplicar ou deducir as normas nunha lingua, facer comparacións entre a lingua materna e a lingua estranxeira ou buscar similitudes e diferenzas, contribúen tamén ao desenvolvemento do pensamento lóxico.

As linguas estranxeiras tamén están moi relacionadas coa competencia dixital, xa que as tecnoloxías da información e a comunicación ofrécennos a posibilidade de comunicarnos en tempo real con calquera parte do mundo e, polo tanto, con calquera persoa cunha lingua diferente á nosa. Ademais, o coñecemento dunha lingua estranxeira facilita o acceso a información que se pode encontrar nesta lingua, ao mesmo tempo que ofrece a posibilidade de comunicarnos utilizándoa.

Ademais, a partir da adquisición da linguaxe, como ocorre nas materias de linguas estranxeiras, esta convértese en vehículo do pensamento humano, en instrumento para a interpretación e representación da realidade e na ferramenta principal da aprendizaxe. Así pois, contribúe de maneira esencial ao desenvolvemento da competencia para aprender a aprender, xa que acrecenta a capacidade lingüística xeral, outorgándolle novos recursos para a comprensión e expresión, facilitando ou completando a capacidade do alumnado para interpretar ou representar a realidade e así construír coñecementos, formular hipóteses e opinións, expresar e analizar sentimentos e emocións, etc. Por outro lado, esta competencia ten un papel fundamental se nas clases se inclúen contidos directamente relacionados coa reflexión sobre a propia aprendizaxe, para que cada alumno poida identificar como aprende mellor e que estratexias son máis eficaces, favorecendo así á autonomía do alumnado.

As linguas estranxeiras tamén son un bo vehículo para o desenvolvemento da competencia social e cívica, xa que as linguas sérvenlle aos falantes para comunicarse socialmente e forman parte da cultura das diferentes comunidades e nacións. Ademais, moitas veces son vehículo de comunicación e transmisión cultural, e favorecen ao respecto, ao interese, á comunicación con falantes doutras linguas e ao coñecemento e á aceptación de diferenzas culturais e de comportamento. Por outro lado, nas linguas estranxeiras é especialmente relevante o traballo en grupo e por parellas, polo que, a través destas interaccións, apréndese a participar, a expresar as ideas propias e a escoitar as dos demais, desenvolvendo a habilidade para construír diálogos, tomar decisións, conseguir acordos, e, en definitiva, aprender de e cos demais

Así mesmo, o coñecemento dunha lingua estranxeira contribúe tamén a adquisición da competencia sentido de iniciativa e espírito emprendedor. O currículo fomenta o traballo cooperativo na aula, a toma de decisións, o manexo de recursos persoais e habilidades sociais de colaboración e negociación, o que supón poñer en funcionamento determinados procedementos que permiten o desenvolvemento de iniciativas e toma de decisións na planificación, organización e xestión do traballo, propiciando así a autonomía e a iniciativa persoal. Ademais, o traballo, tanto individual como en equipo, no que o alumnado é animado a buscar información, organizar as súas ideas e presentalas, tamén contribúe a desenvolver esta competencia.

Por último, a lingua estranxeira inclúe tamén un achegamento a manifestacións culturais propias da lingua e dos países nos que se fala esa lingua e, polo tanto, contribúe a adquirir a competencia conciencia e expresións culturais ao propiciar un achegamento a obras ou autores que contribuíron a creación artística desa lingua. Ademais, o estudo dunha lingua estranxeira facilita moito o desenvolvemento desta competencia, xa que nas clase exprésanse opinións, gustos e emocións que producen diversas manifestacións culturais e artísticas e habitualmente realízanse traballos creativos individuais ou en grupo, como a realización e representación de simulacións, sketchs ou narracións.

En conclusión, podemos observar como o estudo das linguas estranxeiras contribúen de maneira directa no proceso de adquisición de todas as competencias básicas.