sábado, 30 de diciembre de 2017

Diario: Temas 7 e 8

Nesta entrada, con respecto ao tema 7, vou facer unha pequena comparación entre os sistemas educativos de éxito vistos na última sesión de clase (Finlandia, Corea do Sur e Xapón). No último informe PISA, estes 3 países quedaron entre os 10 mellores tanto en lectura como en matemáticas e ciencias. A simple vista, sen saber moito de cada un, parece que teñen un bo sistema educativo vendo os resultados que tiveron en 2015. Sen embargo, na miña opinión, non en todos é así.



No caso de Finlandia, que xustamente fixen eu a presentación, paréceme que ten un sistema educativo moi bo meritorio de implantar noutros países. A súa educación non so se basea en estudar todo o tempo, senón tamén se ten en conta o tempo para xogar e, polo tanto, ser felices.
Sen embargo, Corea do Sur ten un sistema educativo que se basea en estudar practicamente as 24 horas do día sen parar e sen ter tempo libre para xogar ou relacionarse. É normal, polo tanto, que saquen bos resultados nas probas se os estudantes pasan case toda a súa vida estudando sen parar. Na miña opinión, non merece a pena sacar tan bos resultados se en realidade non es feliz nin tes tempo para desfrutar un pouco da vida.
No caso de Xapón, para min estaría no medio entre Finlandia e Corea do Sur. O seu sistema educativo non está mal, pero tampouco xenial como o de Finlandia. Tense moito máis en conta ao alumnado, pero aínda así hai un disciplina moi rigorosa e esíxeselle moitísimo aos estudantes.
O sistema educativo de Finlandia baséase na confianza e responsabilidade do alumnado, nun ambiente cálido e acolledor con especial atención ás necesidades educativas especiais e estando o alumnado constantemente motivado grazas ás metodoloxías activas que se levan a cabo. Sen embargo, tanto en Corea do Sur como en Xapón, a ensinanza está máis centrada no profesorado e é de carácter memorístico. Ademais, existe unha competitividade moi forte, na que os estudantes se senten moi angustiados e con moito estrés, de feito, Corea do Sur ten a taxa máis alta de suicidios adolescentes. En Finlandia non hai cualificacións até despois dos 10 anos, polo que se busca non fomentar a competitividade e non categorizar aos estudantes.
Por outro lado, con respecto ás metodoloxías que seguen cada un e facendo referencia ao tema 8, Finlandia leva a cabo métodos activos, como a aprendizaxe por proxectos ou tarefas, onde o profesor serve de guía e orientador e o discente é o protagonista da súa propia aprendizaxe sendo o centro de atención. Así mesmo, o estilo orgánico e relaxado da educación finesa centra o seu modelo educativo en torno ás etapas dos nenos e nenas, impulsando a súa curiosidade, os seus intereses e capacidades de autoaprendizaxe. Sen embargo, en Xapón e Corea do Sur, sobre todo, non se teñen tan en conta as necesidade dos estudantes nin teñen un papel tan activo na escola. Ademais, a creatividade do alumnado en ambos países non é moi importante, algo que en Finlandia si se ten moito en conta.



Vistas todas estas diferenzas entre uns e outros, poderiamos dicir que tamén hai similitudes entre eles que fan que sexan os sistemas educativos con máis éxito do mundo. Tanto en Finlandia como en Corea do Sur e Xapón, a educación obrigatoria é gratuíta, polo que está ao alcance de todos. Así mesmo, a lexislación educativa é estable e duradeira e, por último, o profesorado é moi respectado e valorado. Soamente poden acceder á formación de profesorado os mellores xa que é unha carreira moi selectiva e, unha vez na docencia, teñen unha formación continua e avaliacións constantes.

En conclusión, penso que aínda que os 3 teñan bos resultados nas probas PISA, non hai punto de comparación entre o sistema educativo de Finlandia co de Corea do Sur e de Xapón. A verdade é que non me gustaría vivir nun sitio onde pases a maioría do teu tempo estudando e competindo cos demais continuamente sen parar. Prefiro unha educación onde aparte de ensinar coñecementos, tamén busquen a felicidade dos nenos e teñan en conta as necesidades de cada estudante, sen agobialos nin estresalos ata o punto de suicidarse. A parte diso, creo que os sistemas educativos funcionarán mellor se utilizamos metodoloxías activas onde os discentes sexan sempre os protagonistas e nós os guías que os axudemos no proceso de ensinanza-aprendizaxe.



No hay comentarios:

Publicar un comentario