Con respecto ao tema sobre as metodoloxías pedagóxico-didácticas,
nesta entrada vou describir dúas actividades realizadas na miña unidade didáctica
con dous métodos diferentes: a aprendizaxe por
proxectos e o enfoque comunicativo.
Aprendizaxe por
proxectos
O nome de
aprendizaxe por proxectos aplícase a unha diversidade de propostas educativas
que comparten uns mesmos fundamentos teóricos da psicoloxía da aprendizaxe,
pero que xurdiron en contextos distintos e seguiron tamén a súa propia
evolución. Un proxecto consiste nun conxunto de actividades, organizadas e
secuenciadas de tal forma que ao final se obteña un resultado ou produto
determinado. A aprendizaxe por proxectos relaciónase cos seguintes aspectos:
- A aprendizaxe participativa,
activa e en cooperación
- A motivación e a implicación
dos estudantes
- A globalidade da aprendizaxe
e a transversalidade dos contidos
- O desenvolvemento de coñecementos
declarativos e instrumentais
- A relación co contexto
social en que ten lugar a aprendizaxe
As primeiras
propostas de traballo mediante proxectos aparecen a principios do século XX, no contexto da ensinanza
primaria e secundaria. O filósofo americano J. Dewey resaltou a influenza que a
experiencia exerce sobre o razoamento, e os pedagogos da época inspiráronse nas
súas ideas para aplicalas á ensinanza. En 1918 W. H. Kilpatrick definiu o
Método de proxectos como un plan de traballo, que se elixe libremente co obxectivo
de realizar algo que esperta o propio interese; pode tratarse da resolución dun
determinado problema, ou ben dunha tarefa que se desexa levar a cabo. As propostas
técnicas do pedagogo francés C. Freinet tiveron tamén gran influencia nestes procedementos
de ensinanza-aprendizaxe, xa que en todos eles a aprendizaxe da lingua se
integra coa das outras materias.
Con respecto ao traballo por proxectos na aprendizaxe de linguas estranxeiras,
é necesario utilizar a lingua que se aprende na realización de todas as
actividades do proxecto, activando así todas as destrezas lingüísticas e
aprendendo gramática e vocabulario a medida que as necesidades prácticas do desenvolvemento
do proxecto o vaian esixindo. Ademais, o proxecto inclúe na súa secuencia de
actividades un análise de necesidades realizado conxuntamente por
profesores e alumnos, uns procedementos de avaliación e autoavaliación e una selección
de contidos de aprendizaxe. Todo iso debe contribuír ao desenvolvemento da
autonomía na aprendizaxe.
A actividade que propoño para exemplificar esta
metodoloxía na aula forma parte dunha unidade didáctica para alumnos e alumnas
de 3º da ESO na materia Segunda Lingua Estranxeira: Francés. A tarefa final que
se vai desenvolver nesta unidade didáctica consiste na realización dunha feira de países francófonos onde
cada grupo de tres estudantes presentará oralmente un deses países elixido por
eles. Este proxecto é integrado, xa que o alumnado ademais de traballar na
materia Segunda Lingua Estranxeira:
Francés, tamén o fará en Educación Plástica, Visual e Audiovisual,
en Lingua Castelá e Literatura e Xeografía e Historia. En plástica o
docente desta disciplina traballará cos estudantes na realización e montaxe dun
posto ou stand para cada país francófono
e tamén no deseño de símbolos ou obxectos característicos de cada sitio
(bandeiras, monumentos, comidas, instrumentos...); en lingua castelá
traballarán na identificación de características e estratexias para elaborar un
bo resumo; e en xeografía e historia realizarán gráficos cos datos dos
distintos países francófonos (economía, demografía, evolución) e farán
comparacións entre eles.
Para realizar este proxecto con éxito, o alumnado terá que ir facendo unha
serie de actividades:
- En primeiro lugar, cando xa teñan escollido o país francófono cada un dos grupos, a docente proporcionaralle a cada grupo unhas páxinas web en francés nas que deberán ler e buscar información sobre ese país.
- Unha vez lida e comprendida a información que aparece nas páxinas web dos países francófonos, cada grupo terá que seleccionar a información que sexa necesaria e relevante tendo en conta unha ficha que lle entregará a docente.
- Despois, un de cada grupo deberá xuntarse con outro compañeiro dun grupo diferente para simular os roles de turista e guía turístico.
- Ao terminar, cada alumno volverá co seu grupo e terá que realizar unha produción escrita en francés sobre o país francófono elixido.
- Cando teñan feita todos os grupos a produción escrita, na clase localizaranse os posibles erros. Cada grupo intercambiará o seu texto con outro grupo e intentarán corrixir ou mellorar esa produción escrita con criterio.
- Unha vez corrixida e finalizada a produción escrita, o alumnado procederá a ensaiar a presentación na aula onde os seus iguais farán de público.
- Por último, o día da representación da feira de países francófonos no salón de actos, cada grupo, en orde xa asignado anteriormente, presentará o seu país francófono.
Os obxectivos didácticos para este proxecto son:
- Adquirir coñecementos sobre as culturas francófonas e recoñecer os diferentes países que a integran para valorar a riqueza desta lingua.
- Analizar e comprender a información proporcionada en textos franceses aplicando estratexias de comprensión lectora para familiarizarse coa lingua francesa e adquirir vocabulario e estruturas gramaticais.
- Identificar e seleccionar información relevante en textos franceses para demostrar o entendemento da lingua e a capacidade de recompilar datos e sintetizar contidos.
- Desenvolver capacidades de redacción e organización para elaborar unha boa produción escrita en francés.
- Aplicar as estruturas gramaticais e as regras básicas de ortografía e de puntuación para redactar de maneira correcta un texto escrito en francés.
- Empregar estratexias para ser capaces de detectar os posibles erros lingüísticos e gramaticais nas producións escritas e fomentar así un espírito crítico.
- Interiorizar o vocabulario relacionado co tema para un mellor dominio do idioma e ser capaces de comunicarse en situacións da vida cotiá como pode ser ir de viaxe a outro país.
- Utilizar correctamente os compoñentes fonéticos, léxicos, sintáctico-discursivos e funcionais básicos da lingua francesa para expresarse oralmente de forma adecuada e sen problemas de comprensión.
- Amosar unha actitude de respecto cara os demais compañeiros para favorecer a participación na clase e desenvolver confianza á hora de expresarse en publico na lingua francesa.
- Potenciar o traballo en grupo e a aprendizaxe cooperativa para axudarse mutuamente e profundar mellor nos contidos.
A, B, C, D, E, G, I, L
Este proxecto aborda todas as competencias clave: competencia en comunicación lingüística (CCL), competencia matemática e
competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCCT), competencia dixital (CD),
competencia aprender a aprender (CAA), competencia social e cívica (CSC),
sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE) e conciencia e expresións
culturais (CCEC).
Con respecto aos contidos, este proxecto trata os seguintes:
B2.1, B2.2, B3.1, B4,1, B5.1, B5.2, B5.3, B5.6, B5.7.
En canto os criterios de avaliación, teranse en conta:
B2.1, B2.2, B3.1, B3.4, B4.1, B4.4, B5.1, B5.2, B5.6.
Os estándares de aprendizaxe serán:
SLEB2.1, SLEB2.2, SLEB3.1, SLEB3.7, SLEB4.4, SLEB5.1, SLEB5.2, SLEB5.5.
Con respecto aos contidos, este proxecto trata os seguintes:
B2.1, B2.2, B3.1, B4,1, B5.1, B5.2, B5.3, B5.6, B5.7.
En canto os criterios de avaliación, teranse en conta:
B2.1, B2.2, B3.1, B3.4, B4.1, B4.4, B5.1, B5.2, B5.6.
Os estándares de aprendizaxe serán:
SLEB2.1, SLEB2.2, SLEB3.1, SLEB3.7, SLEB4.4, SLEB5.1, SLEB5.2, SLEB5.5.
Por último, a avaliación será de carácter formativo e sumativo. Nas
actividades previas á presentación oral, a docente irá observando o traballo na
aula e o día da presentación a docente usará unha rúbrica para avaliar.
O enfoque
comunicativo
O enfoque comunicativo é unha corrente metodolóxica que propón a superación
do concepto de lingua como sistema de regras para centrar a atención na
comunicación. O enfoque comunicativo (en inglés, Communicative
Approach) coñécese tamén como ensinanza comunicativa da lingua, como
enfoque nocional-funcional ou como enfoque funcional.
O decaemento do enfoque oral e do método audiolingüe favoreceron
o florecemento de novas propostas didácticas. A finais dos anos 60 do século XX, algúns
lingüistas británicos como C. Candlin e H. Widdowson creron que o obxectivo na
aprendizaxe da lingua estranxeira debería ser o desenvolvemento
da competencia comunicativa e non so da competencia lingüística. Esta nova
concepción da ensinanza-aprendizaxe da lingua estranxeira recolle as
aportacións de varios campos de investigación, tales como a lingüística
funcional británica, a sociolingüística estadounidense e a filosofía da
linguaxe ou pragmalingüística.
A comunicación non é un mero produto, senón máis
ben un proceso, que se leva a cabo cun propósito concreto, entre uns
interlocutores e unha situación concreta. Polo tanto, non basta con que os estudantes
asimilen un cúmulo de datos como vocabulario, regras, ou funcións. Ademais, é
imprescindible, que aprendan a utilizar eses coñecementos para “negociar”
o significado. Para iso, deben participan en tarefas reais ou cotiás, nas que a
lingua sexa un medio para alcanzar un fin, non un fin en si mesma. Con
respecto ao alumnado, este será o protagonista tendo un papel moi activo e
desenvolvendo a capacidade de aprender a aprender. Por outro lado, o
profesorado pasa a ser o guía ou orientador da aprendizaxe dos estudantes.
Con este modelo didáctico preténdese capacitar ao alumnado para unha
comunicación real, non só na vertente oral, senón tamén na escrita, con outros
falantes na lingua estranxeira. Polo tanto, hai que
lembrar que co enfoque comunicativo, trabállanse as catro destrezas de forma
integrada.
A actividade que propoño para exemplificar esta metodoloxía na aula forma
parte do traballo por proxectos que expliquei anteriormente. Como xa comentei,
a tarefa final que se vai desenvolver nesta unidade didáctica consiste na
realización dunha feira de países francófonos. Para levar a cabo o enfoque
comunicativo, unha vez buscada a información dos países francófonos (comida
típica, monumentos importantes, linguas oficiais, festas ou costumes…) un de
cada grupo deberá xuntarse con outro compañeiro dun grupo diferente para
simular os roles de turista e guía turístico. Ambos deberán intercambiar os
roles preguntando e respondendo sempre na lingua estranxeira con expresións fixas,
vocabulario e gramática. xa visto anteriormente na clase, etc. (Quelle
nourriture typique puis-je manger au Maroc?; Quels monuments puis-je visiter en
France?; Vous pouvez visiter la Tour Eiffel, la cathédrale Notre-Dame, le musée
du Louvre...). Así, deberán todos poñerse na pel dunha situación real e cotiá como é ir de viaxe a outro país e preguntar e responder sobre as cousas máis comúns dese sitio. A docente irá de grupo en grupo observando e escoitando o que
van preguntando e respondendo os estudantes.
O obxectivo desta tarefa consiste en interiorizar o vocabulario relacionado co tema para un
mellor dominio do idioma e ser capaces de
comunicarse en situacións da vida cotiá como pode ser ir de viaxe a outro país.
Con respecto aos obxectivos xerais, esta actividade relaciónase con comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de forma apropiada.
Ademais, esta actividade aborda as competencias clave en comunicación lingüística (CCL), aprender a aprender (CAA), sociais e cívicas (CSC) e conciencia e expresións culturais (CCEC).
Con respecto aos obxectivos xerais, esta actividade relaciónase con comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de forma apropiada.
Ademais, esta actividade aborda as competencias clave en comunicación lingüística (CCL), aprender a aprender (CAA), sociais e cívicas (CSC) e conciencia e expresións culturais (CCEC).
En canto aos contidos do currículo, esta actividade trata os seguintes:
▪ B2.1. Estratexias de produción:
– Concepción da mensaxe con claridade, distinguindo a súa idea ou ideas
principais, e a súa estrutura básica.
– Activación dos coñecementos previos e elementos lingüísticos previamente
asimilados e memorizados.
– Expresión da mensaxe con claridade e coherencia básica, estruturándoa
adecuadamente.
▪ B2.2. Actitude de respecto cara a si mesmo/a e cara ás demais persoas
para comprender e facerse comprender.
▪ B5.1. Patróns sonoros, acentuais, rítmicos e de entoación básicos:
– Sons e fonemas vocálicos.
– Sons e fonemas consonánticos e as súas agrupacións.
– Procesos fonolóxicos máis básicos.
– Acento fónico dos elementos léxicos illados e na oración.
▪ B5.6. Léxico oral básico de uso común relativo a:
– Expresións fixas, enunciados fraseolóxicos moi básicos e moi habituais e
léxico sobre temas relacionados con contidos da tarefa en cuestión.
Por último, a avaliación desta actividade será de carácter formativo,
utilizando a técnica de observación na aula.
En conclusión, penso que tanto a metodoloxía por proxectos como o enfoque
comunicativo son moi interesantes e boas estratexias para utilizar nas clases
de linguas estranxeiras. Ademais, creo que o éxito para o proceso
ensinanza-aprendizaxe é mesturar constantemente este tipo de metodoloxías
activas no que a aprendizaxe do alumnado sexa participativa, activa e a súa
motivación sexa grande. Por último, gustaríame comentar que me alegra moito que
este tipo de metodoloxía cada vez vaia en aumento e se deixen atrás os métodos
tradicionais onde o protagonista era soamente o profesor e non se tiñan en
conta as necesidades e intereses do alumnado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario