lunes, 18 de diciembre de 2017

Dosier: Tema 5. Programacións didácticas

Para comezar o tema 5: Programacións didácticas, o primeiro que fixemos, como no tema anterior, foi un debate piramidal para chegar a consensuar os tres aspectos máis importantes dunha programación didáctica. Empezamos debatendo por parellas, estando no noso caso de acordo en que uns dos máis importantes eran os obxectivos e a avaliación e dubidabamos entre as actividades e a metodoloxía, aínda que eliximos finalmente as actividades. Despois, pasamos a dialogar con outra parella e decidimos substituír as actividades pola metodoloxía, xa que na reflexión entre todas convencéronnos de que a metodoloxía era máis importante que as actividades xa que dependendo da metodoloxía que queiras levar na clase vanse realizar un tipo de actividades ou outras. Unha vez que nos puxemos de acordo, pasamos a falar con outro grupo de catro persoas que tamén tiñan dúbidas. En xeral estabamos todos de acordo con que os obxectivos e a avaliación eran moi importantes pero dubidabamos entre a metodoloxía, os recursos e as actividades. Ao final, despois de debater entre todos chegamos ao consenso de que os tres aspectos máis importantes eran os obxectivos, a metodoloxía e a avaliación, xa que viría sendo o que se quere conseguir, como se quere conseguir e o resultado final do que se levou a cabo. Por último, comentamos en alto co outro grupo os resultados, tendo diferentes a nós os recursos e a atención a diversidade, algo ao que en realidade non se lle presta tanta atención pero é moi importante tamén. Sen embargo, o docente finalmente comentou que os tres aspectos principais, aínda que todos son importantes, serían os obxectivos, a metodoloxía e a avaliación, coma tiñamos nós. Este debate piramidal pareceume moi interesante, xa que é moi útil para facernos reflexionar entre todos sobre como debe ser unha programación e cales son os aspectos principais que debe incluír. Ademais, resultou bastante difícil reducir a listaxe a soamente tres elementos, xa que todos os aspectos, en realidade, son moi importantes á hora de facer una boa programación e hai que telos todos moi en conta sen prescindir de ningún.


A seguinte actividade consistiu en ver e comentar cales son as fontes dunha programación didáctica: fonte epistemolóxica (información sobre os contidos específicos da materia ou área), sociolóxica (información que nos permite coñecer as características do entorno socioeconómico), psicolóxica (información sobre as características psicoevolutivas do alumnado) e pedagóxica (información sobre as características do centro). O resultado desta actividade non foi moi bo xa que, aínda que deberiamos ter algúns coñecementos da materia Deseño curricular, en realidade non coñecemos case nada das fontes nin en que consisten. Sen embargo, coa axuda dunha presentación Power Point, vimos un pouco de que se trataba cada fonte, polo que grazas a esta sesión soubemos un pouco máis sobre elas.


Con respecto aos elementos dunha programación didáctica, vimos que non hai un esquema establecido, mais ten que contar cuns elementos mínimos: introdución, contexto, atención á diversidade, metodoloxía, recursos, competencias básicas, obxectivos, contidos, avaliación e unidades didácticas. Unha vez vistas as partes dunha programación, o docente propúxonos outra actividade en Google Docs a partir do buscador de centros da Xunta, onde cada grupo tivo que elixir un centro e ver a programación didáctica da lingua estranxeira. Logo tivemos que comprobar se estaban presentes os principais aspectos dunha programación, se estaban citadas as fontes de información, describir brevemente os contidos ou elementos de cada apartado e anotar os aspectos que máis nos chamaran a atención. Por último, tivemos que partillalo cos demais grupos na clase nun Google Docs. Gracias a esta actividade puidemos ver unha programación de verdade, xa que até agora non habiamos visto ningunha.
Despois, o docente deunos algúns consellos sobre como escribir os elementos dunha programación didáctica. Por exemplo, os obxectivos teñen que ir en infinitivo, os contidos son substantivos, os criterios de avaliación redáctanse tamén en infinitivo e os estándares de aprendizaxe en presente de indicativo. Ademais, explicounos o que son os criterios e os estándares. Os primeiros témolos que concretar cos estándares e os segundos debémolos presentar con indicadores.
Por último, na clase estivemos observando tamén o currículo das Escolas Oficiais de Idiomas. Nun novo documento de Google, cada grupo tivo que observar unha programación dun idioma dunha EOI de Galicia e ver se cumpría os requisitos recollidos no artigo 49. Despois, tivemos que encher o documento de Google coa EOI correspondente, o cumprimento da normativa en canto a programación, unha valoración sobre a programación e os aspectos a mellorar.



En conclusión, este tema en xeral e as actividades feitas na clase parecéronme moi importantes xa que as programacións didácticas son unha cuestión fundamental para nós como futuros docentes. Tamén me gustaría resaltar a actividade que consistiu en observar e analizar a programación didáctica dun centro en concreto, xa que en realidade nunca miraramos unha dende que comezamos o mestrado e penso que é algo fundamental para nós. Para rematar, considero que con esta sesión quedounos claro que as programación didácticas son moi importantes para chegar a facer boas unidades didácticas e para que o curso sexa un éxito.


No hay comentarios:

Publicar un comentario