jueves, 7 de diciembre de 2017

Dosier: Tema 4. O deseño curricular

Para o desenvolvemento do tema 4: O deseño curricular, na clase realizamos unha serie de actividades coas que puidemos comprobar e aumentar os nosos coñecementos previos sobre o tema.

A primeira tarefa que tivemos que realizar despois da explicación da guía docente foi un debate piramidal. Primeiro, por parellas tivemos que escoller e debater cal era o tema que nos parecía máis importante dos que se impartirán na clase nas próximas sesións. Despois de chegar a un acordo, tivemos que volver a dar a nosa opinión ou punto de vista a outra parella e dialogar porque ese tema era o máis importante e viceversa. Unha vez debatido entre os catro e intentar poñernos de acordo, tivemos que facer o mesmo con outro grupo de catro persoas e dar ambos as nosas razóns, aínda que deu a casualidade de que os dous grupos eliximos o tema 6. Por ultimo, compartimos as opinións co resto dos compañeiros. Para realizar esta actividade por parellas, o que fixemos foi tomar primeiro a palabra unha persoa e despois a outra e ao final debater para chegar a un acordo. Cando era por grupos fixemos o mesmo, pero para non facer moito barullo, cada grupo asinou un representante para explicar os argumentos aos demais. Esta tarefa está moi ben como introdución para saber o que pensan os demais estudantes sobre os temas que se van impartir, porque opinan iso ou que creen de primeiras que se vai dar en cada un. Ademais, cando resulta haber diferentes opinións no grupo está xenial, xa que é máis interesante porque poden facerte cambiar de pensamento se os seus argumentos son adecuados ou comentar cousas que ti non te deras de conta. Os contidos posibles a escoller para esta actividade eran:
             - Tema 4: O deseño curricular: o currículo; elementos do currículo; as competencias no currículo; graos de concreción curricular; as linguas estranxeiras no currículo da ESO e do Bacharelato; as linguas estranxeiras no currículo da FP; as linguas estranxeiras no currículo das ensinanzas de réxime especial.
          - Tema 5: As programacións didácticas vixentes: na ESO, Bacharelato , FP e EOI (LOMCE e LOE); estrutura das programacións.
            - Tema 6: Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE. Os proxectos lingüísticos de centro (PLC): principios metodolóxicos; a andamiaxe; razóns para empregala; deseño curricular integrado CLIL; o PLC.
              - Temas 7 e 8: Metodoloxías en Europa e o mundo




A seguinte tarefa que tivemos que realizar foi con respecto a un documento sobre o tema 4. Primeiro, o docente proporcionounos na clase unha folla a cada un onde estaban escritos os contidos do temario e algunhas preguntas. En grupos pequenos tivemos que realizar as tres primeiras preguntas para despois corrixilas en alto entre todos. 
  1. Que é o currículo? Un documento pedagóxico e normativo que regula una serie de elementos para determinar os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas.
  2. Elementos do currículo. Os elementos do currículo son os obxectivos, as competencias, os contidos, a metodoloxía didáctica, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliábeis.
  3. As competencias. Competencias que potencia o currículo. As competencias do currículo son a competencia en comunicación lingüística, a competencia matemática e as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a competencia dixital, a competencia aprender a aprender, as competencias sociais e cívicas, o sentido de iniciativa e espírito emprendedor e a conciencia e expresións culturais. As competencias que potencian o currículo son a lingüística e a matemática.
Esta actividade pareceume interesante porque puidemos comprobar que o que habiamos estudado para outra materia anteriormente non nos quedou moi claro. Había algunha pregunta que non sabiamos contestar correctamente como a de que é o currículo, que tiñamos unha idea pero non totalmente clara, ou os elementos que compoñen o currículo, que non nos acordabamos de todos ou mesturabámolos cos elementos da unidade didáctica. Polo tanto, grazas a esta actividade recordei o que era o currículo e cales son os elementos deste. Este tipo de tarefa paréceme unha boa maneira de comezar o tema e darse de conta do que se sabe e do que non sobre el.

A terceira tarefa que realizamos foi un xogo de preguntas por parellas coa aplicación Kahoot!. Primeiro tivemos que rexistrarnos na aplicación cun móbil e unirnos ao grupo que deseñou o docente para esa clase. Unha vez preparados para o xogo, o docente poñía na pantalla dixital unha pregunta con catro respostas diferentes e nos tiñamos que responder dende o móbil. As preguntas estaban relacionadas co tema 4 e había un total de 24 preguntas. Quen acertase máis e con máis rapidez gañaba o xogo. Esta tarefa coa aplicación Kahoot! pareceume unha ferramenta xenial para gamificar a aula e facer que todos aprendamos un pouco mais divertíndonos. Ademais, ao ser unha especie de competición entre todos, púxose máis empeño en pensar e acertar as respostas para así poder gañar, xa que despois de cada resposta mostrábase a clasificación. Por outro lado, é verdade que as preguntas eran un pouco difíciles para os poucos coñecementos que tiñamos sobre o tema e as respostas, ás veces, un pouco enganosas, pero pódese dicir que grazas ao xogo tamén fomos aprendendo e agora moitas das preguntas xa saberiámolas contestar.



A seguinte tarefa consistiu en contestar por grupos varias preguntas sobre "As linguas estranxeiras no currículo da LOMCE" a través de Google Docs. O primeiro que fixemos foi ler as preguntas que lle tocaron ao noso grupo e poñernos de acordo en quen se encargaba de contestar a cada pregunta. Despois, puxémonos a buscar información en internet para poder contestar as preguntas e, mentres iamos respondendo, o docente facíanos comentarios sobre o que estaba mal, o que había que completar ou suprimir, etc. Ao terminar, debiamos deixar un comentario debaixo de cada resposta sobre o que pensabamos a cerca do escrito. Esta actividade pareceume un pouco difícil porque non sabiamos ben onde atopar a información ou o que se debía suprimir ou non para cada resposta, pero coas indicacións do docente foise completando bastante ben entre o grupo. Por outro lado, paréceme unha boa forma de realizar un traballo entre todos, xa que, ao ser un documento conxunto, cada un traballa nas preguntas que lle tocaron, pero ao mesmo tempo, os demais tamén van completando as súas, quedando ao final un traballo feito entre todos. Ao terminar todos, o que fixemos foi comentar tódalas respostas de cada un dos puntos do Google Docs. A nós tocáranos o apartado 5.3 Características xerais da avaliación das linguas estranxeiras da eso na LOMCE e o apartado 5.4 As linguas estranxeiras nos principios e obxectivos xerais do bacharelato.

Despois retornamos á presentación do tema 4 para finalizar co útlimo punto: 7. As linguas estranxeiras no currículo das ensinanzas de idiomas de réxime especial. Neste apartado comentamos os diferentes niveis que hai e a súa modificicación da LOE á LOMCE (nivel básico A1-A2, nivel intermedio B1-B2 e nivel avanzado C1-C2). Estos son os tres niveis do MCERL, aínda que din que pode haber ata D, E e F. Tamén vimos os distintos tipos de escolas nos que se poden estudar as linguas estranxeiras. As linguas máis exóticas como o polaco ou rumanés soamente se estudan en Madrid e Barcelona. En Galicia, concretamente na EOI da Coruña pódense estudar o alemán, árabe, chinés, español para estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés. Na EOI de Vigo, todas esas linguas menos o árabe e o ruso. Para finalizar este tema e facer un repaso de consolidación, xogamos de novo por parellas ao Kahoot!. Esta vez eran 15 preguntas e todas elas estaba relacionadas co tema 7 sobre as linguas estranxeiras no currículo das ensinanzas de idiomas. Gustoume moito facer este xogo ao final para comprobar o que sabiamos e o que non sobre o tema explicado anteriormente. 



En resumo, as dúas sesións do tema 4 parecéronme moi frutíferas e amenas, xa que traballamos de maneira activa con distintas ferramentas e técnicas para adquirir e refrescar algúns coñecementos sobre o tema do deseño curricular. Gustaríame que outros docentes con materias de tipo teórico como esta soubesen facer as súas sesións tamén máis divertidas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario