A última sesión, sobre os temas 7 e 8, comezámola cun debate piramidal no que tiñamos que
comentar, primeiro por parellas, que conexión había entre as diferentes linguas
que estudamos (linguas propias e linguas estranxeiras). A verdade é que non
encontramos moitas conexións entre elas, a única era que as clases de inglés ou
de francés cando había que explicar algo dábanse en español ou en galego.
Despois tivemos que falalo con outra parella e opinaban o mesmo ca nós, que en
realidade non tiñan moita conexión unhas materias coas outras. Ao final, cando
xa o comentamos en grupo todos tiñamos a mesma opinión xa que ninguén no
instituto tivo conexión algunha entre as linguas. O docente despois comentounos
que até agora non se tiña feito este tipo de conexión pero que agora empezábase
a facer. Por exemplo, se hai que traballar a expresión oral pódese traballar
nunha lingua e noutra ou se hai que ver a estrutura en parágrafos dun texto,
como son elementos comúns a todas as linguas, pódese dar nunha e noutra lingua.
Como xa dixen outras veces, o debate piramidal paréceme unha boa ferramenta
para comezar un tema e así ver de onde parte cada persoa. Ademais, así podemos
compartir ou debater opinións uns e outros.
Con respecto a este tema, a nosa compañeira Olalla fixo a presentación
sobre o Proxecto Lingüístico de Centro. Primeiro comentounos que había 4
realidades simultáneas: a análise de necesidades, o plan para mellora CCL, o documento
de coordinación e a liña de traballo en relación coa CCL. Despois falounos
dalgunhas características (a precisión, a coordinación, a constatación, a
flexibilidade…), porque é necesario o PLC, o que di a Lei, quen e como se
elabora, a quen implica, que debe incluír e as fases que ten. Por último,
ensinounos algúns exemplos de bos proxectos lingüísticos de centro. A verdade é
que foi unha presentación moi boa, completa e moi interesante para saber un
pouco máis sobre o PLC.
Despois tocoulle facer a presentación a Marian sobre o estudo europeo de
competencia lingüística (2011). Falounos da necesidade de realizar este estudo,
dos países que participaron, dos idiomas aos que se presentou España, do tipo
de probas que se facían, cada canto se fai esta proba, os resultados de varios
países e en especial os malos resultados de España e a importancia que ten o
inglés nesta proba. Pareceume bastante interesante esta presentación xa que non
tiña nin idea desta proba debido a que se realiza dende fai poucos anos. Nesta
presentación tocoume a min facer unha pregunta a Marian sobre o tema e foi a
seguinte: Como se escollen aos alumnos e alumnas para facer esas probas? A
resposta foi que se escollen aleatoriamente, pero ten que haber unha
compensación coa poboación real (ámbito rural, urbano, desfavorecido…)
A seguinte presentación foi a miña sobre o sistema educativo en Finlandia.
As preguntas que me fixeron foron: en primeiro lugar, se España podería
aportarlle algo tamén a Finlandia, ao que respondín que non vistos os
resultados dun e doutro país; e en segundo lugar, se había algunha
característica do éxito de Finlandia que me chamara máis a atención, ao que
respondín a relación das familias co centro e coa lectura.
Logo tocoulle á miña compañeira Miriam que realizou a presentación sobre o
sistema educativo en Corea do Sur. Primeiro falounos un pouco do contexto de
Corea do Sur, dos centros públicos e privados, dos horarios e do curso escolar
coas súas diferentes etapas (xardín de infancia, escola primaria, intermedia,
secundaria, junior college, universidade e posgrado ou doutorado). Por último,
comentounos os puntos máis importantes para que o sistema educativo de Corea do
Sur teña bos resultados: a educación é fundamental, a ensinanza é gratuíta e
obrigatoria, hai unha gran inversión na educación, as políticas educativas son
a longo prazo, os profesores son respectados, os estudantes estudan máis de 10
horas ao día, a competitividade e os resultados gobernan o sistema, os alumnos
e alumnas non teñen tempo para xogar ou relacionarse, o sistema fomenta a
memorización e deixa de lado a creatividade e as TICs son moi importantes.
Gustoume moito esta presentación porque non sabía como funcionaba o sistema
educativo en Corea do Sur e, a verdade, pensei que era moito mellor. Na miña
opinión non merece a pena ter uns dos mellores resultados se en realidade os
sacas porque estás practicamente todo o día estudando sen desfrutar un segundo
da vida. Non é que teñan un bo sistema, senón que a base de estudar día e noite
é normal que saquen bos resultados.
O seguinte en presentar foi Pablo e o fixo sobre o sistema educativo en
Xapón. En primeiro lugar falounos un pouco do contexto de Xapón e despois centrouse
en catro puntos fundamentais para o éxito do sistema educativo xaponés: a
importancia social da escola (a reputación que teñen as escolas e a relación
cos alumnos e alumnas), a importancia do titor e a súa comunicación coas
familias (relación moi achegada e de confianza, 1 hora de titoría ao día,
asociacións de país...), o esforzo persoal dos estudantes e a metodoloxía que
se utiliza. Con respecto a esta presentación, teño unha opinión parecida á da
anterior, xa que esperábame un sistema educativo bastante mellor onde a
felicidade dos alumnos e alumnas tamén sexa moi importante como en Finlandia.
Aínda así, paréceme moito mellor o sistema educativo de Xapón que o de Corea do
sur.
Despois pasamos ao tema das metodoloxías, polo que o docente comezou
explicando a través dun PowerPoint as distintas metodoloxías que se foron
aplicando ao longo da historia, debido ao crecemento da sociedade. En primeiro
lugar falounos da metodoloxía tradicional (s. XVI), na cal o obxectivo era
facilitar o acceso aos textos literarios. Esta metodoloxía era unha concepción
moi elitista e estaba centrada no profesor cunha transmisión vertical. Para as
explicacións usábase a lingua materna e predominaban as actividades de
gramática e tradución. En segundo lugar falounos da metodoloxía directa
(inicios s. XX), na cal o obxectivo era que se aprendese a falar cun método
activo e global. Con esta metodoloxía a burguesía urbana xa empezaba a introducirse
no ensino. Estaba aínda centrada no profesor, pero comezaba a aparecer o papel
de docente como pallaso (mímica e conversa). Deixouse de empregar a lingua
materna e déuselle prioridade á fala, polo que había inversión comunicativa e
directa. Ademais, déuselle tamén importancia á pronunciación e á fonética, cunha
aprendizaxe significativa e baseada nos diálogos entre docente e discente.
Con respecto a estas metodoloxías, Raquel fixo a súa presentación sobre o
método gramática-tradución e o método directo. Primeiro falounos un pouco sobre
as características que posúen ambos, despois fixo unha comparación entre un
método e o outro e, por último, deunos os pros e os contras de cada un segundo
a súa opinión. Gustoume bastante esta presentación xa que puidemos ver as
características e as diferenzas entre os dous métodos e ver que, en realidade,
pódense usar os dous dependendo da actividade ou do que queiramos conseguir na
clase.
Despois o docente seguiu coa explicación doutros métodos. Falounos da
metodoloxía audioral na que primeiro hai que comprender/entender, logo falar e
por último ler e escribir. En canto aos docentes, estes seguen posuíndo o saber
lingüístico, dirixen as aulas e posúen coñecementos e habilidades técnicas. Sen
embargo, deixan de ser os únicos referentes orais (discos, casetes,
diapositivas...) e a prioridade é a
lingua oral, deixando a un segundo plano a gramática e o léxico. Logo comentounos
algo sobre a metodoloxía SGAV (estructuro-global audiovisual), o enfoque
funcional-nocional e o enfoque comunicativo- Con este último método o que se
quere é aprender a comunicarse en situacións da vida cotiá. Esta metodoloxía
céntrase no alumnado, sendo o docente un animador e a lingua oral a prioridade.
Unha vez terminada a explicación do docente, pasamos a realizar a técnica
de puzzle. O que tivemos que facer foi
por grupos escoller un libro de texto colgado en Faitic e ver os diferentes apartados
(recepción, produción, gramática, léxico e fonética e entoación) para despois
completar unha ficha que nos entregou o docente. Cada un do grupo tivo que
escoller un apartado e ver que tipo de actividades había no libro, a cantidade
e en que lugar da unidade didáctica estaba. Nos escollemos o libro Beyond de nivel A2 e, eu en concreto, o
apartado de gramática. Unha vez completada a ficha entre todos, cada un do
grupo tivo que xuntarse cos que escolleron o mesmo apartado doutros grupos e
comentar o que había de gramática en cada libro de texto. Despois regresamos co
noso grupo e comentamos o que tiña cada libro en cada apartado. Esta técnica
paréceme unha boa ferramenta de traballo colaborativo, xa que implica a todo o
mundo e así podemos ver un tema dende diferentes perspectivas e colaborar á
hora de completar a imaxe final.
A seguinte en presentar foi Natalia sobre o método do silencio. Primeiro
fixo unha pequena demostración deste método cun exercicio no que nós tivemos
que colaborar e despois explicou as características e os puntos importantes
desta metodoloxía. Gustoume moito como presentou este método xa que o fixo de
maneira diferente ao resto empezando cun exemplo práctico. Sen embargo, paréceme
un método bastante difícil de levar a cabo na aula e de recorrer a el en
contadas ocasións.
Por último, María fixo a súa presentación sobre a aprendizaxe por
proxectos. Falounos da súa orixe, das súas características, dos roles do
alumnado (activo, autónomo) e do profesorado (mediador, observador,
facilitador), das fases que teñen os docentes (planificación, realización do
proxecto e avaliación), das vantaxes e inconvenientes... Finalmente,
comentounos que as EOI teñen bastantes problemas para levar a cabo a aprendizaxe
por proxectos e o que fan normalmente é o enfoque por tarefas que é menos
ambicioso. Foi unha moi boa presentación tamén, aínda que este método xa era
moito máis coñecido para nós xa que noutra materia tivemos que realizar unha
unidade didáctica usando esta metodoloxía. Penso que é bastante laboriosa para
os docentes, pero unha moi boa metodoloxía para levar a cabo na aula.
En conclusión, a última sesión foi bastante interesante e entretida, xa que
ademais de realizar unha serie de presentación cada unha diferente tamén
realizamos algunha actividade en grupo como o debate piramidal e a técnica de puzzle. Tamén hai que comentar o detalle
que tivo o docente con nós de ofrecernos bombóns. En xeral, esta parte da
materia gustoume moito xa que dunha materia que parece bastante teórica e, polo
tanto, aburrida, o docente conseguiu que aprendéramos moito e o pasáramos moi
ben cunhas clases moi dinámicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario