Mostrando entradas con la etiqueta metodoloxías. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta metodoloxías. Mostrar todas las entradas

sábado, 30 de diciembre de 2017

Diario: Temas 7 e 8

Nesta entrada, con respecto ao tema 7, vou facer unha pequena comparación entre os sistemas educativos de éxito vistos na última sesión de clase (Finlandia, Corea do Sur e Xapón). No último informe PISA, estes 3 países quedaron entre os 10 mellores tanto en lectura como en matemáticas e ciencias. A simple vista, sen saber moito de cada un, parece que teñen un bo sistema educativo vendo os resultados que tiveron en 2015. Sen embargo, na miña opinión, non en todos é así.



No caso de Finlandia, que xustamente fixen eu a presentación, paréceme que ten un sistema educativo moi bo meritorio de implantar noutros países. A súa educación non so se basea en estudar todo o tempo, senón tamén se ten en conta o tempo para xogar e, polo tanto, ser felices.
Sen embargo, Corea do Sur ten un sistema educativo que se basea en estudar practicamente as 24 horas do día sen parar e sen ter tempo libre para xogar ou relacionarse. É normal, polo tanto, que saquen bos resultados nas probas se os estudantes pasan case toda a súa vida estudando sen parar. Na miña opinión, non merece a pena sacar tan bos resultados se en realidade non es feliz nin tes tempo para desfrutar un pouco da vida.
No caso de Xapón, para min estaría no medio entre Finlandia e Corea do Sur. O seu sistema educativo non está mal, pero tampouco xenial como o de Finlandia. Tense moito máis en conta ao alumnado, pero aínda así hai un disciplina moi rigorosa e esíxeselle moitísimo aos estudantes.
O sistema educativo de Finlandia baséase na confianza e responsabilidade do alumnado, nun ambiente cálido e acolledor con especial atención ás necesidades educativas especiais e estando o alumnado constantemente motivado grazas ás metodoloxías activas que se levan a cabo. Sen embargo, tanto en Corea do Sur como en Xapón, a ensinanza está máis centrada no profesorado e é de carácter memorístico. Ademais, existe unha competitividade moi forte, na que os estudantes se senten moi angustiados e con moito estrés, de feito, Corea do Sur ten a taxa máis alta de suicidios adolescentes. En Finlandia non hai cualificacións até despois dos 10 anos, polo que se busca non fomentar a competitividade e non categorizar aos estudantes.
Por outro lado, con respecto ás metodoloxías que seguen cada un e facendo referencia ao tema 8, Finlandia leva a cabo métodos activos, como a aprendizaxe por proxectos ou tarefas, onde o profesor serve de guía e orientador e o discente é o protagonista da súa propia aprendizaxe sendo o centro de atención. Así mesmo, o estilo orgánico e relaxado da educación finesa centra o seu modelo educativo en torno ás etapas dos nenos e nenas, impulsando a súa curiosidade, os seus intereses e capacidades de autoaprendizaxe. Sen embargo, en Xapón e Corea do Sur, sobre todo, non se teñen tan en conta as necesidade dos estudantes nin teñen un papel tan activo na escola. Ademais, a creatividade do alumnado en ambos países non é moi importante, algo que en Finlandia si se ten moito en conta.



Vistas todas estas diferenzas entre uns e outros, poderiamos dicir que tamén hai similitudes entre eles que fan que sexan os sistemas educativos con máis éxito do mundo. Tanto en Finlandia como en Corea do Sur e Xapón, a educación obrigatoria é gratuíta, polo que está ao alcance de todos. Así mesmo, a lexislación educativa é estable e duradeira e, por último, o profesorado é moi respectado e valorado. Soamente poden acceder á formación de profesorado os mellores xa que é unha carreira moi selectiva e, unha vez na docencia, teñen unha formación continua e avaliacións constantes.

En conclusión, penso que aínda que os 3 teñan bos resultados nas probas PISA, non hai punto de comparación entre o sistema educativo de Finlandia co de Corea do Sur e de Xapón. A verdade é que non me gustaría vivir nun sitio onde pases a maioría do teu tempo estudando e competindo cos demais continuamente sen parar. Prefiro unha educación onde aparte de ensinar coñecementos, tamén busquen a felicidade dos nenos e teñan en conta as necesidades de cada estudante, sen agobialos nin estresalos ata o punto de suicidarse. A parte diso, creo que os sistemas educativos funcionarán mellor se utilizamos metodoloxías activas onde os discentes sexan sempre os protagonistas e nós os guías que os axudemos no proceso de ensinanza-aprendizaxe.



jueves, 28 de diciembre de 2017

Dosier: Temas 7 e 8

A última sesión, sobre os temas 7 e 8, comezámola cun debate piramidal no que tiñamos que comentar, primeiro por parellas, que conexión había entre as diferentes linguas que estudamos (linguas propias e linguas estranxeiras). A verdade é que non encontramos moitas conexións entre elas, a única era que as clases de inglés ou de francés cando había que explicar algo dábanse en español ou en galego. Despois tivemos que falalo con outra parella e opinaban o mesmo ca nós, que en realidade non tiñan moita conexión unhas materias coas outras. Ao final, cando xa o comentamos en grupo todos tiñamos a mesma opinión xa que ninguén no instituto tivo conexión algunha entre as linguas. O docente despois comentounos que até agora non se tiña feito este tipo de conexión pero que agora empezábase a facer. Por exemplo, se hai que traballar a expresión oral pódese traballar nunha lingua e noutra ou se hai que ver a estrutura en parágrafos dun texto, como son elementos comúns a todas as linguas, pódese dar nunha e noutra lingua. Como xa dixen outras veces, o debate piramidal paréceme unha boa ferramenta para comezar un tema e así ver de onde parte cada persoa. Ademais, así podemos compartir ou debater opinións uns e outros.

Con respecto a este tema, a nosa compañeira Olalla fixo a presentación sobre o Proxecto Lingüístico de Centro. Primeiro comentounos que había 4 realidades simultáneas: a análise de necesidades, o plan para mellora CCL, o documento de coordinación e a liña de traballo en relación coa CCL. Despois falounos dalgunhas características (a precisión, a coordinación, a constatación, a flexibilidade…), porque é necesario o PLC, o que di a Lei, quen e como se elabora, a quen implica, que debe incluír e as fases que ten. Por último, ensinounos algúns exemplos de bos proxectos lingüísticos de centro. A verdade é que foi unha presentación moi boa, completa e moi interesante para saber un pouco máis sobre o PLC.
Despois tocoulle facer a presentación a Marian sobre o estudo europeo de competencia lingüística (2011). Falounos da necesidade de realizar este estudo, dos países que participaron, dos idiomas aos que se presentou España, do tipo de probas que se facían, cada canto se fai esta proba, os resultados de varios países e en especial os malos resultados de España e a importancia que ten o inglés nesta proba. Pareceume bastante interesante esta presentación xa que non tiña nin idea desta proba debido a que se realiza dende fai poucos anos. Nesta presentación tocoume a min facer unha pregunta a Marian sobre o tema e foi a seguinte: Como se escollen aos alumnos e alumnas para facer esas probas? A resposta foi que se escollen aleatoriamente, pero ten que haber unha compensación coa poboación real (ámbito rural, urbano, desfavorecido…)
A seguinte presentación foi a miña sobre o sistema educativo en Finlandia. As preguntas que me fixeron foron: en primeiro lugar, se España podería aportarlle algo tamén a Finlandia, ao que respondín que non vistos os resultados dun e doutro país; e en segundo lugar, se había algunha característica do éxito de Finlandia que me chamara máis a atención, ao que respondín a relación das familias co centro e coa lectura.
Logo tocoulle á miña compañeira Miriam que realizou a presentación sobre o sistema educativo en Corea do Sur. Primeiro falounos un pouco do contexto de Corea do Sur, dos centros públicos e privados, dos horarios e do curso escolar coas súas diferentes etapas (xardín de infancia, escola primaria, intermedia, secundaria, junior college, universidade e posgrado ou doutorado). Por último, comentounos os puntos máis importantes para que o sistema educativo de Corea do Sur teña bos resultados: a educación é fundamental, a ensinanza é gratuíta e obrigatoria, hai unha gran inversión na educación, as políticas educativas son a longo prazo, os profesores son respectados, os estudantes estudan máis de 10 horas ao día, a competitividade e os resultados gobernan o sistema, os alumnos e alumnas non teñen tempo para xogar ou relacionarse, o sistema fomenta a memorización e deixa de lado a creatividade e as TICs son moi importantes. Gustoume moito esta presentación porque non sabía como funcionaba o sistema educativo en Corea do Sur e, a verdade, pensei que era moito mellor. Na miña opinión non merece a pena ter uns dos mellores resultados se en realidade os sacas porque estás practicamente todo o día estudando sen desfrutar un segundo da vida. Non é que teñan un bo sistema, senón que a base de estudar día e noite é normal que saquen bos resultados.

O seguinte en presentar foi Pablo e o fixo sobre o sistema educativo en Xapón. En primeiro lugar falounos un pouco do contexto de Xapón e despois centrouse en catro puntos fundamentais para o éxito do sistema educativo xaponés: a importancia social da escola (a reputación que teñen as escolas e a relación cos alumnos e alumnas), a importancia do titor e a súa comunicación coas familias (relación moi achegada e de confianza, 1 hora de titoría ao día, asociacións de país...), o esforzo persoal dos estudantes e a metodoloxía que se utiliza. Con respecto a esta presentación, teño unha opinión parecida á da anterior, xa que esperábame un sistema educativo bastante mellor onde a felicidade dos alumnos e alumnas tamén sexa moi importante como en Finlandia. Aínda así, paréceme moito mellor o sistema educativo de Xapón que o de Corea do sur.
Despois pasamos ao tema das metodoloxías, polo que o docente comezou explicando a través dun PowerPoint as distintas metodoloxías que se foron aplicando ao longo da historia, debido ao crecemento da sociedade. En primeiro lugar falounos da metodoloxía tradicional (s. XVI), na cal o obxectivo era facilitar o acceso aos textos literarios. Esta metodoloxía era unha concepción moi elitista e estaba centrada no profesor cunha transmisión vertical. Para as explicacións usábase a lingua materna e predominaban as actividades de gramática e tradución. En segundo lugar falounos da metodoloxía directa (inicios s. XX), na cal o obxectivo era que se aprendese a falar cun método activo e global. Con esta metodoloxía a burguesía urbana xa empezaba a introducirse no ensino. Estaba aínda centrada no profesor, pero comezaba a aparecer o papel de docente como pallaso (mímica e conversa). Deixouse de empregar a lingua materna e déuselle prioridade á fala, polo que había inversión comunicativa e directa. Ademais, déuselle tamén importancia á pronunciación e á fonética, cunha aprendizaxe significativa e baseada nos diálogos entre docente e discente.
Con respecto a estas metodoloxías, Raquel fixo a súa presentación sobre o método gramática-tradución e o método directo. Primeiro falounos un pouco sobre as características que posúen ambos, despois fixo unha comparación entre un método e o outro e, por último, deunos os pros e os contras de cada un segundo a súa opinión. Gustoume bastante esta presentación xa que puidemos ver as características e as diferenzas entre os dous métodos e ver que, en realidade, pódense usar os dous dependendo da actividade ou do que queiramos conseguir na clase.

Despois o docente seguiu coa explicación doutros métodos. Falounos da metodoloxía audioral na que primeiro hai que comprender/entender, logo falar e por último ler e escribir. En canto aos docentes, estes seguen posuíndo o saber lingüístico, dirixen as aulas e posúen coñecementos e habilidades técnicas. Sen embargo, deixan de ser os únicos referentes orais (discos, casetes, diapositivas...)  e a prioridade é a lingua oral, deixando a un segundo plano a gramática e o léxico. Logo comentounos algo sobre a metodoloxía SGAV (estructuro-global audiovisual), o enfoque funcional-nocional e o enfoque comunicativo- Con este último método o que se quere é aprender a comunicarse en situacións da vida cotiá. Esta metodoloxía céntrase no alumnado, sendo o docente un animador e a lingua oral a prioridade.
Unha vez terminada a explicación do docente, pasamos a realizar a técnica de puzzle. O que tivemos que facer foi por grupos escoller un libro de texto colgado en Faitic e ver os diferentes apartados (recepción, produción, gramática, léxico e fonética e entoación) para despois completar unha ficha que nos entregou o docente. Cada un do grupo tivo que escoller un apartado e ver que tipo de actividades había no libro, a cantidade e en que lugar da unidade didáctica estaba. Nos escollemos o libro Beyond de nivel A2 e, eu en concreto, o apartado de gramática. Unha vez completada a ficha entre todos, cada un do grupo tivo que xuntarse cos que escolleron o mesmo apartado doutros grupos e comentar o que había de gramática en cada libro de texto. Despois regresamos co noso grupo e comentamos o que tiña cada libro en cada apartado. Esta técnica paréceme unha boa ferramenta de traballo colaborativo, xa que implica a todo o mundo e así podemos ver un tema dende diferentes perspectivas e colaborar á hora de completar a imaxe final.

A seguinte en presentar foi Natalia sobre o método do silencio. Primeiro fixo unha pequena demostración deste método cun exercicio no que nós tivemos que colaborar e despois explicou as características e os puntos importantes desta metodoloxía. Gustoume moito como presentou este método xa que o fixo de maneira diferente ao resto empezando cun exemplo práctico. Sen embargo, paréceme un método bastante difícil de levar a cabo na aula e de recorrer a el en contadas ocasións.

Por último, María fixo a súa presentación sobre a aprendizaxe por proxectos. Falounos da súa orixe, das súas características, dos roles do alumnado (activo, autónomo) e do profesorado (mediador, observador, facilitador), das fases que teñen os docentes (planificación, realización do proxecto e avaliación), das vantaxes e inconvenientes... Finalmente, comentounos que as EOI teñen bastantes problemas para levar a cabo a aprendizaxe por proxectos e o que fan normalmente é o enfoque por tarefas que é menos ambicioso. Foi unha moi boa presentación tamén, aínda que este método xa era moito máis coñecido para nós xa que noutra materia tivemos que realizar unha unidade didáctica usando esta metodoloxía. Penso que é bastante laboriosa para os docentes, pero unha moi boa metodoloxía para levar a cabo na aula.

En conclusión, a última sesión foi bastante interesante e entretida, xa que ademais de realizar unha serie de presentación cada unha diferente tamén realizamos algunha actividade en grupo como o debate piramidal e a técnica de puzzle. Tamén hai que comentar o detalle que tivo o docente con nós de ofrecernos bombóns. En xeral, esta parte da materia gustoume moito xa que dunha materia que parece bastante teórica e, polo tanto, aburrida, o docente conseguiu que aprendéramos moito e o pasáramos moi ben cunhas clases moi dinámicas.